Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de marzo de 2021

“Mulleres sen límites. A por todas” achegaralle á mocidade referentes femininos que rachan estereotipos

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou a programación coa que o Concello conmemorará o Día Internacional da Muller e que abordará cuestións como a liberdade, a orientación sexo afectiva e a violencia de xénero a través de charlas, exposicións, concursos, libros e autocine A edila remarcou a importancia de formarmos parte do movemento feminista nun ano difícil en que o papel da muller se viu aínda máis mermado e se agravaron moitas situacións de violencia machista

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou esta mañá os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller, "nun ano tan difícil", en que o papel da muller se viu aínda máis mermado. A edila sinalou que durante a pandemia caeu nas nais e fillas o coidado de nenos e maiores e mais o peso de toda a casa e engadiu que, a raíz do confinamento, moitas situacións de violencia de xénero se agravaron e os ERTES azoutaron con máis forza nas mulleres traballadoras. A concelleira explicou que o lema de "Mulleres sen límites, a por todas" é un chamamento a formarmos parte deste movemento feminista que non é máis que a loita pola igualdade entre homes e mulleres. O de "sen límites", apuntou, vai dirixido ás nenas e mozas que poden chegar ao lugar onde se propoñan.

Para iso, a concellería confeccionou un programa que incide en realidades como o 27% de presenza feminina nos graos de enxeñerías ou arquitectura. Neste sentido, a idea é proporcionarlle á xuventude unha maior información sobre as diferentes ramas do coñecemento e facer visibles a referentes de mulleres que a nivel literario, artístico, político ou educativo rachan estereotipos.

Como novidade, o Pazo dos Deportes de Riazor converterase o 13 de marzo nun autocine coa proxección, ás 19.30 horas, de "María Solinha" e a ruta "A Coruña en feminino" permitirá o 26 que a veciñanza viaxe desde a casa pola vida e obra de seis mulleres relevantes das letras galegas como María Barbeito ou Elvira Bao, que se poderán ver en realidade aumentada. Ademais, o Obelisco dará acubillo á mostra "Mulleres CTEM" do 22 de marzo ao 22 de abril. Neste punto, a cidadanía coñecerá a profesionais que contribuíron enormemente nos campos da ciencia, tecnoloxía, enxeñerías e nas matemáticas.

O programa, que tamén abordará cuestións como a liberdade e a orientación sexo afectiva e a violencia de xénero, comezará hoxe coa presentación de "Mulleres precursoras do cambio", en que as familias que viven na Casa de Acollida recompilaron a historia de 18 mulleres que cambiaron a historia e que poden servir de inspiración para moitas mozas nesa procura de derrubaren barreiras. A Fundación Luis Seoane inaugurará mañá a exposición "Sempre Marzo", aberta até o 14 de marzo e que agrupa a impronta de artistas e poetas, e o luns, o Teatro Rosalía Castro acollerá a presentación do libro "Cidade das Mulleres. Veciñas Ilustres da Coruña", sobre a biografía de 34 mulleres de espírito pioneiro e rebelde.

Por outra parte, a concelleira destacou a convocatoria do concurso "A mirada Violeta de Dona Emilia", en que o Concello se dirixe a persoas de entre 12 e 30 anos para que exploren na súa creatividade e plasmen unha mensaxe de igualdade a través das artes gráficas e a escrita. O prazo para presentar as propostas remata o 5 de abril. Así mesmo, haberá charlas agrupadas dentro do ciclo "As mujeres cen anos despois de EPB: charlas na Casa-Museo", que comezarán 11 de marzo, ás 18.00 horas, coa participación na rúa Tabernas da alcaldesa, Inés Rey, compartindo a súa experiencia como muller política de primeiro nivel. A palabra tamén viaxará aos centros educativos a través de cinco "Charlas con...Mulleres CTEM" en liña, en que cinco mulleres que destacan en distintos escenarios da ciencia impartirán conferencias co alumnado.

O programa completarase con máis actividades promovidas por Igualdade como a instalación de puntos informativos no Campus de Elviña ou a posta en escena da sexta e da sétima edición do Curso Básico de Igualdade e Prevención das Violencias Machistas, e tamén doutras concellerías como ciclos de cine e teatro no Fórum Metropolitano, poesía no Ágora e actividades na Rede de Bibliotecas Municipais. O calendario de eventos pódese consultar xa na páxina web do Concello a través da ligazón www.coruna.gal/igualdade/8m2021.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión