Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de agosto de 2022

O concerto de Manu Chao pecha unha variada e atractiva programación

Música, baile e xogos despiden as Festas de María Pita no parque de Santa Margarida

Cascarillarte, as festas en Novo Mesoiro, as traiñeiras, a travesía a nado de Santo Amaro e a Mostrart rematan este domingo coas actividades festivas

Tal como é tradicional, a Romaría de Santa Margarida porá esta última fin de semana de agosto o punto e final ás festas de María Pita 2022, cunha variada e atractiva programación que pechará o luns 29 o concerto de Manu Chao.

A música, o baile e os xogos despedirán desta xeito as festas, seguidas de maneira multitudinaria durante todo o mes de agosto. Durante tres días, do 26 ao 28, o parque de Santa Margarida renderalle tributo ao mellor folclore e á mellor gastronomía popular, con actuacións tan significativas como as de Mercedes Peón e Milladoiro, entre outras.

O venres, o anfiteatro do parque acollerá a Gran Noite do Folclore, coa presenza a partir das 21.00 horas, das agrupacións folclóricas Cántigas da Terra, Maghúa, Aturuxoi, Donaire e Son d'aquí, nunha gala que presentará a narradora e contacontos Vero Rilo.

O sábado 27 poñerase en marcha na explanada da Casa das Ciencias o Espazo Participativo de Música e Baile, en sesións de mañá e tarde. A partir das 11.00 e ata as 13.30 horas, e desde as 17.30 ata as 18.15 horas, haberá diversos obradoiros de iniciación á percusión, baile tradicional, xogos populares, gaita, zanfona e frautas, cantos e pandeireta, nunha programación orientada aos máis pequenos pero aberta a todas as idades.

A música será a outra gran protagonista da xornada, xa que haberá ata seis concertos ao longo do día. Pola mañá a partir das 12.30h actuarán Pablo Díaz, que presentará os temas do seu libro "Coas miñas mans", e a charanga tradicional Faíscas da Potranga. Pola tarde, e xa a partir das 16.30 horas, Xavi Lozano, co espectáculo Tubos do mundo presentará unha maridaxe entre electrónica, música negra e sons recollidos de todo o mundo. Ás 20.30 horas será a quenda do grupo folk Ailá, cunha proposta artística inspirada nas recollidas históricas dos cantos de transmisión oral de Galicia; para seguir con Caamaño&Ameixeiras, o dúo de músicas coruñesas que mesturan o violín e o acordeón e para rematar ás 23.30 horas coa música de Mercedes Peón.

A xornada do domingo abrirá ás 12.00 horas coa Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), cun concerto na escalinata da Casa das Ciencias, para continuar coas actuacións en diversos puntos do parque de Os Gaiteriños e Pansenfron, para rematar a romaría coa música da pandeireta e gaita de Arredores, o folk de Milladoiro, e pechar a programación Xisco Feijoo, cantante, percusionista, bailador, coreógrafo e mestre de danza. Entre as 22.45 e as 23.00 horas, precisamente entre as actuacións de Milladoiro e Xisco Feijoo, terá lugar a tradicional sesión de fogos de artificio que pechará a romaría. Será, con todo, o concerto de Manu Chao o día 29 (22.00 horas) no mesmo escenario, o parque de Santa Margarida, o que peche a programación das festas de María Pita.

Esta última fin de semana chegarán ao seu fin tamén algunhas das citas que se viñeron desenvolvendo, como Cascarillarte, con actuacións o venres, sábado e domingo en Vioño, Santa Margarida e Novo Mesoiro; así como a feira de artesanía Mostrart, que pechará os seus postos de venda o domingo, día no que tamén concluirán as festas de Novo Mesoiro. Ese mesmo día acabarán tamén a citas deportivas incluídas dentro do programa de festas, coa disputa da Bandeira de Traiñeiras Teresa Herrera e a travesía a nado á enseada de Santo Amaro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión