Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de outubro de 2020

Na lingua que eu falo... con @surfeandolibros

Comezamos unha serie de entrevistas con persoas que fan da lingua un medio de expresión pero tamén unha elección individual e comprometida.

O luns máis próximo ao 15 de outubro celébrase, desde 2016, o Día das Escritoras. Este ano a data caeu no 19 e tivemos a inmensa sorte de recibir unha visita moi especial no noso Servizo de Normalización Lingüística. Enmascarada, como marca a normativa, e cunha distancia que non permitía as apertas, tivemos unha cálida conversa con Irene Pérez Lis, unha das instagramers máis interesantes, novas e concienciadas coa nosa lingua e literatura.

@surfeandolibros é o seu nome na rede social e desde aí amósanos a súa creatividade visual e o seu amor polos libros a través de recensións literarias moi persoais e coidadas; tanto é así que adoita crear unha narrativa visual centrada no libro, parafraseando título e contidos cunha fotografía que atrapa pola beleza, ocorrencia e calidade de recursos.

Irene ten só catorce anos e, detrás da súa máscara ilustrada con científicas, que se cadra se perderon durante un tempo pola historia e con Mary Shelley xusto tapándolle a boca, o seu entusiasmo chispea nos ollos e nas mans cando fala.

SNL: Por que surfeas libros e non outro verbo máis empregado coa lectura como devorar ou mergullar?

@surfeandolibros: Encántame o mar e encántame ler. Todo sucedeu durante un verán no que estaba a ler toda a obra de Ágatha Christie e que mesmo non podía durmir de tanto que pasaba dun libro para outro. Neses días fun probar o surf na praia da Lanzada e alí saíu o nome, mesturándoo todo, un nome en galego pero tamén comprensible noutras linguas -como o castelán- e que fose un tributo ao mar e á primeira muller que se ergueu sobre unha táboa de surf e que foi, casualmente, Ágatha Christie.

SNL: A túa escolla lingüística parécenos moi particular dado o lugar onde vives (A Coruña) e que o galego nos institutos non adoita ser a lingua máis empregada polo alumnado.

@surfeandolibros: Dáme rabia a perda do idioma a todos os niveis. Eu non veño dunha familia galegofalante nin no ambiente escolar escoitei moito galego pero fixen a escolla para tomar a iniciativa e crear unha responsabilidade. Ademais agardo que ao empregala en redes como o Instagram teña repercusión.

SNL: Cres que se pode facer algo para que a xente nova fale máis na nosa lingua?

@surfeandolibros: Eu creo que iso comeza nas propias casas pero o que hai é bastante desinterese e un prexuízo arredor do castelán como lingua de prestixio. No ambiente escolar a función do profesorado de galego é decisiva e iniciativas anovadoras e frescas, como pode ser 21 días co galego, por exemplo, si funcionan coa xente nova.

SNL: Por que decidiches crear un perfil para falar de libros?

@surfeandolibros: Quería crear un espazo para falar da miña paixón pola lectura e os libros e a partir de crealo aumentou o meu propio ritmo de lecturas. Unha levábanme a outras e descubrín non só libros e autoras interesantísimas senón que tamén tomei contacto con bloggers, instagramers e persoas lectoras descoñecidas para min, ademais de ver que hai unha gran tarefa de tradución de obras universais ao galego como por exemplo o que fan editoriais como Rinoceronte ou Huguin e Munin. Nun futuro encantaríame seguir este camiño e ser tradutora de literatura universal á nosa lingua.

SNL: Hoxe é o Día das Escritoras e celebramos esta data para visibilizar as obras e nomes de autoras que, se cadra, estaban esquecidas ou non tan en primeira liña como os autores masculinos. Na túa conta os libros que recensionas son nunha altísima porcentaxe de mulleres. Recoméndanos algunha obra que che gustase especialmente.

@surfeandolibros: Teño moitas, pero as últimas que me impactaron polo que contan e como están escritas son Memoria do silencio de Eva Mejuto, Palabra de bruxa de Andrea Barreira ou Be Water de Antía Yáñez.

SNL: A imaxe coa que encabezas as túas entradas na conta é tan importante ou máis que a propia recensión do libro. Como chegas a crear esa dupla maneira de falar dunha obra?

@surfeandolibros: Son consciente de que a calidade da conta cambiou moito desde o principio ata agora, creo que hai unha evolución e que fun aprendendo e mellorando e diso se trata. Sobre todo, tendo na casa unha nai bibliotecaria e un pai deseñador gráfico, teño moito de onde aprender, así que fun perfeccionándome, buscando recursos dos que teño á man e tratando de resumir o libro nunha imaxe impactante que comunique os elementos máis importantes. A transmisión fundamental está na lectura, iso está claro, pero a imaxe que creamos na cabeza ao ler ten moito que ver con como percibes o que vas entendendo e iso sae despois a través das montaxes que creo.

Irene non só é lectora e surfeira, senón que é unha comunicadora absoluta e unha luzada no camiño. Foi unha tardiña marabillosa. Seguídea na rede para saber máis do seu traballo. Necesitamos máis surfeiras e surfeiros da nosa lingua e cultura!

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión