Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de novembro de 2020

Na lingua que eu falo... con Verónica Ramilo

Comezamos unha serie de entrevistas con persoas que fan da lingua un medio de expresión pero tamén unha elección individual e comprometida.

Sexóloga, traballadora social, fotógrafa, estudante, migrante e retornada. Isto e moito máis está no currículo de Verónica Ramilo (A Coruña, 1978), que veu esta semana facernos unha visita até o Servizo de Normalización Lingüística, aproveitando que acudía, para facer unha reportaxe gráfica, ás hortas urbanas que hai arredor do Centro Ágora.

Hai tempo que tiñamos ganas de colaborarmos con ela, xa que o seu labor artístico ou aquel máis estritamente profesional (ofrece obradoiros de diversidade e sexualidade para crianzas e mais para a rapazada) resúltanos moi interesante pero a situación de parada de actividades que atravesamos na actualidade impediunos podermos chegar a incluíla na nosa programación.

Mentres, acaba de realizar a portada da antoloxía de relatos "Entre donas", de impartir varios obradoiros para crianzas e de se matricular na Escola Pablo Picasso para ampliar os seus estudos sobre fotografía. Entre tanto, volve ao rural, no que vive a súa familia, despois de case vinte anos en Cataluña e de pasar por Irlanda, Madrid e o País Vasco, onde realizou estudos de todo tipo. Entende que a lingua é, ademais de historia e memoria, comunicación, patrimonio e, sobre todo, inclusión e por iso aprendeu catalán antes de desprazarse vivir e estudar a Barcelona, de onde acaba de vir de volta a Bergantiños.

Reflexionamos con ela arredor da lingua.

SNL: Galicia-Cataluña-Galicia e, no medio, dúas décadas. Que diferenzas atopas no que ten que ver co idioma?

Verónica Ramilo: Para explicar o impacto de regresar á Coruña, cidade en que estudei de primaria a bacharelato, fareino explicándovos que puxen unha reclamación na miña escola actual porque as dúas presentacións que se fixeron realizáronse integramente en castelán e case o 80% do profesorado (así como gran parte do alumnado) é castelanfalante. En Cataluña, esa situación sería case impensable que sucedese. Durante o día a día, no que me desprazo desde a miña aldea ata a cidade, escoito cambiar de idioma varias veces e estráñame que as propias institucións non apoien o galego como medio de expresión, para non perder a nosa lingua.

Antes de marchar a Cataluña estudei catalán para poder facer unha inmersión gradual e, aínda que nun principio non o falaba, podía entendelo e sentirme integrada nos lugares e coa xente. Hai aquí un prexuízo co galego, polo que sempre se muda ao español se hai unha soa persoa que o fala entre galegofalantes, aínda que esa persoa coñeza perfectamente a lingua. 

Entendo que a xente que vén de fóra é quen debería ter responsabilidade por aprender o galego, igual que tamén se fai co español se se trata de países doutra fala. Que deben ser estas persoas as responsables de entender o contexto do idioma e facer o posible para empregalo e non os e as galegofalantes quen realicemos o esforzo á inversa, co que contribuiríamos a desprestixiar o galego como lingua de comunicación. Ademais, aprendendo o idioma do lugar onde vives podes sentirte mellor acollida, comprender a cultura onde estás a vivir e poder comunicarte con fluidez coas persoas do lugar.

Síntome algo marciana neste sentido ao facer a comparativa e, logo de vinte anos fóra da terra, foi un verdadeiro impacto ao ver esas grandes diferenzas na vivencia das linguas.

SNL: En canto a unha parte do teu traballo, a sexoloxía, como inflúe a escolla do idioma para desenvolvelo?

Verónica Ramilo: O primeiro de todo, para desenvolver o meu traballo preciso duns materiais que lles amosen realidades próximas ás persoas coas que interactúo e iso en Galicia é moi difícil de atopar. Si existen traducións ao galego, moi poucas pero algunha haina, pero fan referencias a características culturais, ambientais e referencias que aquí non hai e, por tanto, ás crianzas ás que me dirixo fáltalles información. Para traballar sobre diversidades, afectividade e sexualidade coas nenas e nenos galegos, debo nomear realidades que coñezan e usar palabras e termos en galego e aquí é onde noto tamén que faltan palabras para utilizalas. Precisamos implicarnos coa nosa lingua para atinxir as novas realidades. A falta de palabras incomunícanos co mundo e necsitamos coñecer o contexto e usar nel a nosa propia maneira de situarnos e de chamarlle a cada cousa. Iso falta. Igual que tamén falta un coñecemento máis amplo para que a xente empregue unha linguaxe inclusiva e que non deixe a ninguén fóra das realidades que queremos nomear. Falo de diversidades de todo tipo, non só de xénero, sexuais, senón tamén de corpos, de familias etc.

Sería bo tomar perspectiva do asunto e crear materiais sinxelos dos que poder servirnos para educar a xente miúda -e non tan miúda-.

SNL: Canto á fotografía, é certo que a imaxe, como a música, son linguaxes universais pero hai un código que se refire a unha determinada cultura e está moi próximo á lingua. É este o caso da túa obra?

VERÓNICA RAMILO: Non é propiamente lingua escrita pero si é unha linguaxe, e esa encóntrase na busca de referentes. Aínda estando fóra de Galicia, traballei con elementos que só podería atopar aquí, como son as mulleres que aínda levan pano na cabeza (mulleres empanadas, como dicía unha amiga) e que forman parte de certa linguaxe do rural galego.

Tamén a portada de "Entre Donas" é unha versión propia e referencial dunha obra de Ruth Matilda Anderson, que tan ben nos retratou hai case cen anos. Outras veces, apóiome na literatura galega, sempre de mulleres, en busca da palabra escrita, ao facer colaboracións con poetas como, por exemplo, Andrea Nunes ou Eva Méndez Doroxo, onde o noso idioma vehicular sería o galego.

Ademais da lingua, sempre traballo desde unha perspectiva feminista e visibilizo conscientemente o traballo das mulleres. O feminismo é transversal a todo o que fago. Os meus materiais, o público ao que me dirixo, as persoas que retrato ou os temas sociais que busco fotografar, teñen que ver case no 100%, coas mulleres ou con temáticas feministas.

SNL: Por que cres que nos falta ese elo comunicativo? Por que hai unha falta de materiais básicos  e de recursos para traballar certos temas?

Verónica Ramilo: En comparación co pobo catalán, en Galicia fáltannos un chisco de autoamor e confianza (xeneralizando moito, por suposto) pero sobre todo apoio institucional, para levar a cabo proxectos. Sempre pensamos que fóra as cousas están mellor feitas e adoptamos recursos que non teñen moito que ver con nós. En Cataluña, se non hai tales recursos, fanse, pártese de cero e créanse. Se hai erros, apréndese e soluciónanse polo camino, pero tamén teñen moito apoio institucional en moitos eidos que aquí non vexo.

SNL: Dá a sensación de que aló hai unha paisaxe idílica e aquí aínda moito que facer. Daquela, por que regresar?

Verónica Ramilo: O que contaba hai un momento ten a súa contrapartida: a saturación. Vívense ritmos moi acelerados, exceso de traballo, falta de vida caseira, saes da casa cedo pola mañá e chegas entrada a noite. Aquí vívese con outro ritmo e o tempo semella moverse máis lento. Precisaba parar e volver para aquí, non só por motivos persoais como a familia, a saúde, os seres queridos ou o lecer. Tamén usarei a palabra "morriña". Ademais, teño a necesidade de saber se podo traballar aquí traendo o que aprendín aló, a experiencia, a inspiración. Sinto que saín cara a fóra para aprender e gustaríame poder achegar agora o aprendido.

SNL: Cara a onde te leva esa inspiración? En que estás traballando?

Verónica Ramilo: A través dos meus estudos de fotografía, estou traballando nun libro de artista inspirado na obra O sentido do abraio, de Rachel Carson, unha bióloga pioneira do movemento ecoloxista que fixo este texto dirixido a nais e pais, para animalos a explorar a natureza coas súas crianzas co fin de cultivaren en familia o sentido do abraio. Inspirándome neste libro, quero adaptalo ao meu propio cambio e abraio socio-cultural e rexistrar os descubrimentos que estou a ter e que máis me están a sorprender.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión