4 de novembro de 2026
A concelleira participou na apertura do I PechaKucha_CEXEF, celebrado na Universidade da Coruña, que reúne seis traballos académicos premiados e aborda a transferencia do coñecemento á sociedade
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou esta mañá na apertura do I PechaKucha_CEXEF 2026, celebrado no Pavillón de Estudantes do campus de Elviña baixo o título 'Feminismo e perspectiva de xénero na investigación: da formación académica á transferencia social'. A xornada, promovida polo Centro de Estudos de Xénero e Feminismos (CEXEF) da Universidade da Coruña, conta coa colaboración do Concello e reúne investigacións académicas que incorporan a perspectiva feminista en diferentes disciplinas.
Durante a súa intervención, Canosa destacou a importancia de incorporar esta perspectiva desde o propio deseño das investigacións, revisando as preguntas, as hipóteses e os enfoques empregados. A concelleira sinalou que estes traballos permiten «xerar coñecemento e evidencia, cuestionar sesgos e comprender que a realidade non é igual para todas as persoas».
A responsable municipal de Igualdade vinculou esta cuestión co traballo das administracións públicas, especialmente no ámbito das políticas sociais. Neste sentido, defendeu a necesidade de contar con investigacións que permitan comprender mellor as desigualdades, as distintas formas de violencia e as barreiras que dificultan o acceso aos servizos ou a participación social, co obxectivo de deseñar respostas máis axeitadas ás necesidades da cidadanía.
Canosa fixo especial fincapé na transferencia do coñecemento académico á sociedade. «O coñecemento ten que poder saír dos espazos nos que se produce, ten que romper os muros das universidades e ser útil para quen traballa, para quen decide ou para quen intervén con persoas ou comunidades», afirmou. Nesta liña, defendeu a colaboración entre a universidade, as institucións, as entidades sociais e os profesionais para que os resultados das investigacións contribúan á mellora dos servizos e das políticas públicas.
A xornada reúne seis traballos académicos recoñecidos en diferentes convocatorias de premios, presentados nun formato de exposicións breves. As investigacións abordan cuestións como a toxicidade nas redes sociais, os canons de beleza en Internet, a violencia contra as mulleres lesbianas e bisexuais, as experiencias de adolescentes autistas en relación co xénero e a orientación sexual, a soidade na diáspora saharauí e a arquitectura dos centros Maggie.
A programación complétase cunha sesión dedicada á transferencia social da investigación, na que Zinthia Álvarez Palomino e Cristina Botana Iglesias presentan A Coruña, porto negreiro. Investigación e transferencia, un traballo que aborda a historia da cidade e a divulgación do coñecemento histórico.
A concelleira agradeceu ao CEXEF e á Universidade da Coruña a organización deste encontro, que permite compartir investigacións e establecer vínculos entre o ámbito académico e os profesionais e institucións que traballan directamente coa cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible