Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de febreiro de 2020

O alumnado da cidade prioriza as cuestións ambientais, as axudas aos colectivos en risco e a práctica do deporte

A corporación local participou nun encontro no Centro Ágora con máis de 200 estudantes do CEIP Alborada e o Fogar de Santa Margarida, que lles achegaron as súas preocupacións dentro do proxecto “Sementando participación”

A corporación municipal coa alcaldesa, Inés Rey, á cabeza, participou esta mañá no Centro Ágora nun encontro co alumnado do CEIP Alborada e o Fogar de Santa Margarida, dentro do proxecto "Sementando participación", promovido pola Fundación Educo e en que os dous centros traballaron previamente en talleres os dereitos da infancia e reflexionaron sobre a súa contorna para compartiren hoxe as súas conclusións ante a presenza das persoas representantes do Goberno local. Tras a súa exposición, a rexedora mostrou o seu desexo de que a xornada lles prestara "tanto como a nós e que sementarades participación, pero tamén risas e complicidade, solidariedade colectiva e ganas de comunicar, de facer chegar e convencer, de amosar o que sentides desde a vosa cativez porque estades no voso dereito e queremos que así o exerzades durante todo o ano".

Rei sinalou que nas propostas que achegaron "vese que mirades polos demais con solucións como a de poboar esas casiñas que están abandonadas para darlle un teito a quen non o ten. Isto denota que tedes ollos e estades vixiantes ante o que pasa o voso arredor e que sodes xentiña esperta". Valorou positivamente que moitas teñen que ver co medio natural: "Sodes conscientes do importante que é que a nosa contorna teña boa saúde, que o mar estea limpo para que sigan dándolles ás alas todos eses peixiños que tanto gusto dá ver cando toca ir á praia e que sigamos podendo desfrutar dese monte que nos osixena". Engadiu que a preocupación das rapazas e rapaces pola sustentabilidade e a reciclaxe "reconfórtanos porque debemos darlle voltas á cabeza para reconverter os obxectos noutros cunha función nova e diferente e non traer máis plásticos nin materia contaminante a este mundo que nos berra: basta!" Canto ás iniciativas relacionadas co lecer, afirmou que "queremos que baixedes á rúa, que socialicedes e movades o esqueleto, que non quededes na casa de parasitos". Tamén que puxen polo deporte e pola seguridade viaria, "unha premisa deste goberno. Queremos unha cidade transitable e amable" e convidounos a que non calasen nunca e pelexasen contra o que vexan inxusto: "Estamos moi orgullosas/os de comprobarmos que sodes unhas coruñesas e coruñeses de primeira, igual que o noso Deportivo e que con persoíñas coma vós, a cidade só pode ir a mellor".

A segunda edición desta iniciativa congregou no salón de actos do edificio a máis de 200 estudantes que afiaron neste tempo nas aulas as súas habilidades para o liderado e a organización e exercitaron a democracia e a responsabilidade como cidadáns e cidadás.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión