Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de xullo de 2022

O obradoiro “Rede Virtual de Xacementos Arqueolóxicos (CORVXA)” está formado por mozos e mozas de entre 18 e 30 anos inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil

O alumnado do obradoiro de emprego xuvenil expón as súas obras fotográficas na Casa Museo Casares Quiroga

“Olladas” estará aberta ao público dende o 7 ao 31 de xullo, con entrada de balde ata completar capacidade

A Casa Museo Casares Quiroga acolleu esta mañá a presentación da exposición de fotografía "Olladas", comisariada polo alumnado do obradoiro de emprego Rede Virtual de Xacementos Arqueolóxicos (CORVXA). Nela, seis artistas expoñen as súa obras de fotografía, ensinando parte do traballo realizado durante o obradoiro de emprego. O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, acompañou ao alumnado na presentación da mostra fotográfica, onde destacou a gran calidade artística da proposta.

A Rede Virtual de Xacementos Arqueolóxicos é un programa de emprego e formación para mozos e mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, promovido polos concellos da Coruña e Culleredo. Esta iniciativa xuvenil parte do compromiso do Goberno de Inés Rey de impulsar a inserción laboral como motor económico da cidade, con iniciativas coma este obradoiro ou o proxecto Coruña Suma. O obxectivo do programa é formar a mozos e mozas na aprendizaxe das TIC, un dos sectores estratéxicos da cidade e a súa contorna, achegando as técnicas de realización e produción fotográfica aos xacementos arqueolóxicos da Coruña.

"Olladas" xorde do compromiso de difundir e valorar estes espazos, creando unha antoloxía de relatos fotográficos dende un punto de vista persoal e artístico. Deste xeito, o alumnado parte do patrimonio arqueolóxico como punto común para crear un produto final, resultado da súa propia poética visual e interacción co espazo. Para iso utilizan as técnicas de fotografía aprendidas durante o obradoiro de emprego, como a fotogrametría, revelado ou tratamento fotográfico, que xunto cos coñecementos sobre xestión cultural, axúdanlles a crear unha narrativa final para o seu produto artístico.

Pezas expositivas da mostra

A mostra fotográfica "Olladas" componse de seis proxectos de alumnos e alumnas do obradoiro, comisariados por outros seis compañeiros, combinando en cada un deles a modalidade de xestión cultural con fotografía. "Antagonía", obra de Selene Gómez e comisariada por Noelia Paz Fernández, é un proxecto fotográfico que fai converxer fotografía, obxecto, son e animación 3D para reflexionar sobre o papel que terá o mundo dixital na conservación do patrimonio ante a posible perda da interacción física.

"Des-invisibilizar", obra de Silvia Blanco e comisariada por Patricio Gómez, fala da invisibilización de dous piares fundamentais dos xacementos da cidade. Por unha banda, os propios espazos e obxectos, cuxa historia é descoñecida ou inadvertida na súa gran maioría para o público; por outra banda, o labor do persoal traballador dos xacementos, cuxo labor é descoñecido. Pola súa banda, "Historia dunha travesía imaxinaria", de Iago Lagüela e comisariada por Victoria Rivas, é unha interpretación persoal da morte do xeneral Sir John Moore a través do espazo patrimonial, achegando a visión do artista a través da montaxe fotográfica.

"Malo será", obra de Raquel Cardalda e comisariada por Irune Rial, amosa como a natureza tenta ocupar os xacementos da cidade devolvéndolle o seu aspecto máis inicial. Para iso combina fotografía con elementos tecnolóxicos antigos, que poderían considerarse hoxe como "arqueoloxía tecnolóxica". A proposta "Sigo Pensando", obra de Gonzalo Cela e comisariada por Miguel Ricoy, amosa o fracaso do autor para realizar unha obra fotográfica apersoal e con fotografías do pasado, creando unha proposta final que reflexiona sobre a interacción do autor co espazo buscando unha forma de representalo. A última parada é "Tránsito", obra de Elizabeth Salas e comisariada por Yolanda Ramos, é un proxecto en branco e negro que trata de captar a "vida" de cada xacemento mediante a fotografía espontánea de momentos cotiáns que reflictan o diálogo que xorde (ou non) entre persoas e espazos.

A Rede Virtual de Xacementos Arqueolóxicos é un programa de emprego e formación para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello da Coruña e o Concello de Culleredo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión