Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2022

Investigadores da Universidade de Barcelona e do Centro Oceanográfico de Xixón realizan estes días no museo científico coruñés medidas de corais de profundidade

O Aquarium Finisterrae participa nun proxecto internacional que estuda os efectos do cambio climático sobre os ecosistemas atlánticos

O estudo que se realiza no acuario coruñés, incluído no proxecto europeo iAtlantic, aborda aspectos relativos ao efecto combinado de factores de estrés dos corais

O Aquarium Finisterrae, pertencente á rede municipal de Museos Científicos do Concello da Coruña, participa no proxecto internacional iAtlantic, que estuda os efectos do cambio climático sobre os ecosistemas atlánticos, motivo polo cal acolle estes días a persoal investigador da Universidade de Barcelona e do Centro Oceanográfico de Xixón. 

As e os investigadores, xunto con membros do equipo científico do acuario coruñés, realizaron diferentes medidas dos corais de profundidade, que son os organismos diana que estuda o proxecto. Os fragmentos de coral que se empregan neste experimento proceden da fragmentación de colonias de Dendrophyllia cornigera criadas no Aquarium Finisterrae e que forman parte da súa colección biolóxica.

O Aquarium Finisterrae participa desde o 2019 no proxecto europeo iAtlantic, que estuda, entre outros, os efectos do cambio climático sobre os ecosistemas atlánticos. No acuario coruñés, que cumpriu en xuño 23 anos de percorrido superando os 6 millóns de visitantes, tal e como anunciou entón a alcaldesa, Inés Rey, estase a traballar nun complexo experimento de doce meses de duración que permitirá coñecer o efecto combinado de diversos factores de estrés produto do cambio global, como o quecemento da auga do mar, a acidificación e a desosixenación desta, nas poboacións do coral de profundidade denominadas Dendrophyllia cornigera, coñecida como "coral amarelo" ou "xirieira". Esta especie é un coral de augas frías que habita en diversas zonas do Mediterráneo e do Atlántico, incluídas as augas de Galicia. 

As comunidades de corais de augas frías forman estruturas tridimensionais complexas que serven de hábitat para numerosas especies e constitúen un lugar de protección fronte aos depredadores. Ademais, os arrecifes submarinos que forman os corais de augas frías actúan como lugar de cría de moitas especies de peces e invertebrados e desde o ano 2009 están considerados pola FAO como ecosistemas mariños vulnerables, xa que as especies que os conforman son na súa maioría moi lonxevas, con taxas de crecemento moi baixas e moi sensibles e vulnerables ás actividades humanas. 

Para a realización deste estudo está a empregarse un total de 24 acuarios de pequeno volume en cada un dos cales se crían seis fragmentos de Dendrophyllia cornigera, o que supón un total de 144 fragmentos involucrados no experimento. Os corais están fixados a unha base de metacrilato que permite extraelos dos tanques experimentais cando é necesario para realizar medidas destes de forma individualizada. 

Estes días están a realizarse medidas de peso e consumo de osíxeno, que son as variables resposta que se están investigando no marco deste experimento co fin de pescudar se a combinación de axentes de estrés afecta o crecemento dos corais e ao seu metabolismo.

As condicións ambientais de cada un dos acuarios experimentais obtéñense preparando auga de diferentes tipos que simulan diferentes escenarios climáticos actuais e futuros, tendo en conta para estes últimos as predicións do IPCC (Panel Internacional para o Cambio Climático), así como o coñecemento co que actualmente se conta dos límites fisiolóxicos desta especie de coral.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión