Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xuño de 2024

O Atlantic Pride 2024 completa o cartel da súa quinta edición con Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl, entre outras figuras

Inés Rey destacou a evolución dun certame que é “un dos referentes musicais do Orgullo no país”

Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas súmanse ao cartel da quinta edición do Atlantic Pride. Así o presentou esta mañá en rolda de prensa en María Pita a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polos directores do festival, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos. Tamén participaron  o responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Juan Martínez Inchausti, e as representantes das empresas patrocinadoras do evento: Coruña The Style Outlets (Ainhoa Paz, xerente) e Globalgrafic (Judith Rama, xerente).

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do 'Orgullo do Norte' para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O festival está impulsado polo Concello da Coruña e a Asociación Orgullo Coruña-ORCO.

"Desde o Concello levamos colaborando con este festival desde os seus comezos e estamos moi orgullosos do seu crecemento e do éxito que supón a súa celebración ano tras ano, sendo xa, por méritos propios, parte da nosa programación cultural do verán", sinalou a alcaldesa, que tamén afirmou que este certame é "un dos referentes musicais do Orgullo a nivel nacional".

No acto de presentación realizado esta mañá, o director do Atlantic Pride, Iván Cervo, fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta quinta edición do encontro e desvelou, tamén, o seu programa por días, que se pode consultar na web do festival: www.atlanticpride.es.

A diversión e autenticidade chegarán ao festival coa mestura de tradición, electrónica e verbena do produtor e músico Eris MacKenzie -o domingo 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane- e da man do pop urbano en galego de Filloas -o martes 9 de xullo na praza de Pontevedra-.

Pola súa banda, Morreo destilará hedonismo e xuventude sobre o escenario do Atlantic Pride o luns 8 de xullo na praza de Pontevedra, para presentar o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano colorido e luminoso, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís.

Tras percorrer nos últimos tempos os escenarios de grandes festivais como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low, Shego aterra no Atlantic Pride o mércores 10 de xullo para facer gala do seu hipnótico carisma xogando con xéneros diversos como o rock, o pop, o punk e o dance. Mentres, a integrante dun dos dúos máis icónicos dos anos 2000, Selena Leo, visitará o Atlantic Pride o xoves 11 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez, disposta a que o público poida 'bailar toda a noite' coa súa fusión latina e a súa viaxe musical aos anos 90 e os 2000.

O venres 12 de xullo, Nena Daconte presentará en directo o seu último disco, Casi Perfecto, co que reivindica o seu pasado máis pop-rock en temas en torno ao amor, o desamor, a soidade e o paso do tempo. Finalmente, Raúl, gañador do Premio Latino de Ouro á súa traxectoria musical, ofrecerá na Coruña -o domingo 14 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez- un directo no que non faltarán os seus grandes éxitos dos 2000, como Sueño su boca, Baila ou Prohibida.

Como novidade neste 2024, nacen as Afterpaties do Atlantic Pride, para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez rematados os concertos ao aire libre do festival. Moi pronto se darán coñecer todos os detalles destas novas "sesións golfas" do festival.

Xunto aos novos nomes desvelados esta mañá -Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas-, no Atlantic Pride 2024 está tamén confirmada a presenza das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste 'Orgullo do Norte' non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

O grupo Vengaboys será o encargado de lle poñer o acento internacional a este Atlantic Pride 2024, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj's EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro "Cores".

"Este festival tamén exerce como un elemento de atracción turística, pois a versatilidade do seu cartel de artistas fai que moitas persoas de Galicia e outros puntos da península se despracen eses días ata aquí para gozar dos concertos", destacou a alcaldesa do festival, sinalando a importancia de contar con actividades paralelas como o certame de literatura LGTBIQ+, que conta con 1.000 euros en premios.

Programa por días do Atlantic Pride 2024

Domingo, 7 de xullo - Fundación Luis Seoane - 20.00 a 00.00 horas

Eris MacKenzie - Supremme Deluxe - EME DJ

Luns, 8 de xullo - Praza de Pontevedra - 20.00 a 00.30 horas

O Rabelo e Nenaza - Meiga-I - Morreo - S.Alma

Martes, 9 de xullo - Praza de Pontevedra - 20.00 a 00.30 horas

Filloas - Cloe Savage - Lontreira - La Suprema

Mércores, 10 de xullo - Praza de Pontevedra - 20.00 a 00.30 horas

Catuxa Salom - Nomi Bull - Shego - D-Lemma

Xoves, 11 de xullo - Xardíns de Méndez Núñez - 20.00 a 01.20 horas

Amoebo - Selena Leo - Vengaboys - DJ 90

Venres, 12 de xullo - Xardíns de Méndez Núñez - 20.30 a 02.20 horas

Dj Licho - Sila Lua - Nena Daconte - Luna Ki - Roi Porto

Sábado, 13 de xullo - Xardíns de Méndez Núñez - 20.30 a 02.20 horas

Mondra - Nebulossa - Chanel - La Eterna

Domingo, 14 de xullo - Xardíns de Méndez Núñez - 20.30 a 00.20 horas

Coro 'Cores' - Lucía Pérez - Las Ketchup - Raúl - Rosa López - DJ Flashback

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión