Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de setembro de 2022

O Centro Deportivo do Castrillón abrirá o 27 de decembro e os usuarios poderán preinscribirse desde outubro

O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, avanzou tamén que na última semana deste mes haberá unha xornada de portas abertas para que os cidadáns poidan coñecer as instalacións

O Centro Deportivo do Castrillón abrirá ás súas portas ao público o vindeiro día 27 de decembro. Así o explicou esta tarde o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, nun debate convocado pola Asociación de Veciños Castrillón-Urbanización Soto no Centro Cívico do barrio.

O portavoz do executivo local avanzou tamén que as instalacións, que supuxeron un investimento executado no actual mandato superior aos 2 millóns de euros, poderán ser visitadas por todos os cidadáns que o desexen durante as xornadas de portas abertas que organizará o Concello na última semana deste mesmo mes.

Ademais, explicou Lage Tuñas aos representantes do resto dos grupos presentes no debate e ao resto dos asistentes, a preinscrición abrirase no vindeiro mes de outubro para que os futuros usuarios do centro poidan ir adiantando xestións e para permitir ao Concello contar cunha estimación da demanda.

Ao longo deste mes o Goberno municipal convocará o Consello de Administración da empresa pública Emvsa para abordar este asunto. "Agardo que ningún grupo poña atrancos para poder abrir este servizo aos veciños", indicou Lage Tuñas, que apuntou que nos vindeiros dous meses culminará o proceso administrativo preciso para a apertura, así como os pequenos traballos que quedan pendentes para permitir o seu uso.

"Foi un Goberno progresista o que anunciou  por primeira vez hai máis dunha década o Centro Deportivo do Castrillón, e será o Goberno de Inés Rey o que o poña en funcionamento e o abra aos veciños", indicou o portavoz.

Durante o actual mandato acometérsonse a totalidade das obras de acondicionamento interior do espazo, incluíndo a construción da piscina e as acometidas de servizos, que estaban tamén pendentes.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión