Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de novembro de 2022

O Centro Deportivo do Castrillón abrirá un mínimo de 92 horas semanais, incluíndo domingos e festivos

O consello de administración de EMVSA aprobou a licitación por 415.000 euros dos servizos precisos para a súa apertura en decembro

O Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), aprobou hoxe a licitación dos contratos necesarios para que o Centro Deportivo do Castrillón abra as súas portas o vindeiro 27 de decembro, tal e como anunciou o voceiro municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, no debate celebrado no centro cívico do Castrillón o pasado 13 de setembro. O Goberno de Inés Rey cumpre deste xeito co seu compromiso de poñer en funcionamento este ano este equipamento deportivo, moi demandado pola cidadanía.

O Concello, a través de EMVSA, achegará máis de 415.000 euros para a xestión do centro deportivo e o alugueiro do equipamento das diferentes salas coas que conta. Entre outras cuestións, acordouse tamén que as instalacións abrirán un mínimo de 92 horas semanais, incluíndo sábados, domingos e festivos.

Por unha banda, o consello de administración de EMVSA aprobou a licitación do contrato para a xestión do Centro Deportivo do Castrillón por tres meses, prorrogable ata un total de cinco meses, por 205.348 euros, ive incluído. A súa adxudicación permitirá dispoñer nas instalacións do persoal preciso para a prestación dos servizos nas novas instalacións.

O contrato especifica unha serie de actividades das que serán responsables as persoas adestradoras e monitoras, na liña da actual ofertas das instalacións deportivas municipais. Trátase de cursos de actividades acuáticas para bebés, nenos e adultos, aquagym, aquapilates, ximnasia de mantenemento, pilates, ioga, hipopresivos, GAP (glúteos, abdominais e pernas), body pump, body balance, body combat, zumba, streching e TBC (Total Body Conditioning).

Por outra banda, o contrato destinado ao subministro de material deportivo ten un orzamento total de 209.550 euros e unha duración de tres anos. A empresa adxudicataria comprometerase á entrega, instalación e posta en marcha de todo o equipamento necesario. Tamén será responsable de impartir unha formación ao persoal do Centro Deportivo do Castrillón e do mantemento integral da maquinaria subministrada.

O contrato especifica o tipo de material necesario para as diferentes estancias das instalacións, como a sala de fitness, a piscina, o pavillón ou as aulas de actividades dirixidas. Haberá unha ampla variedade de máquinas e ferramentas necesarias para diferentes niveis de intensidade do adestramento.

Un proxecto esencial para o Goberno de Inés Rey

Coa apertura do Centro Deportivo do Castrillón o Goberno de Inés Rey desbloquea o uso dunhas instalacións moi demandadas polos habitantes do barrio desde hai anos. Durante este mandato, o Concello investiu case 2 millóns de euros para completar os traballos previos e que este espazo de 3.445 metros cadrados puidese comezar a usarse. "Faremos este ano que sexa unha realidade unha infraestrutura pola que os veciños levan moito tempo agardando", indicou Inés Rey.

En canto ás características do centro, na primeira planta atópanse os controis de acceso e unha zona de agarda. Hai catro vestiarios, dous por xénero e outros dous para equipos que compitan puntualmente nas instalacións. Nesta parte sitúase, ademais, a pista polideportiva, cunha bancada para 100 espectadoras e espectadores. Trátase dunha estrutura divisible en dúas partes mediante cortinas para poder levar a cabo varias actividades de forma simultánea. Atópase tamén, neste primeiro andar, a piscina de catro estaxes e a zona termal, con saunas, diferentes tipos de duchas, hidromasaxe e espazo para dous postos de masaxe. Completa esta primeira planta unha sala de actividades dirixidas, divisible en dúas partes mediante paneis móbiles.

No segundo andar é onde está localizada a sala de fitness, que contará cunha zona cardiovascular e de musculación. Tamén haberá outra sala de actividades dirixidas, divisible en tres partes. O resto de estancias do Centro Deportivo do Castrillón forman parte dos espazos reservados para o persoal e o mantemento.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión