Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de setembro de 2020

O Coliseum acolle este sábado o espectáculo da OSG “From Bach to Radiohead”

Será o terceiro directo da formación en que mesturarán obras clásicas con outras que beben do rock and roll co fin de lle achegar o xénero sinfónico á mocidade As 60 entradas dispoñibles están á venda a partir dos dez euros en https://coruna.sacatuentrada.es, no despacho do Quiosco da praza de Ourense e o día do concerto, no propio Coliseum

A Orquestra Sinfónica de Galicia anuncia un novo concerto extraordinario este sábado, ás 20.00 horas, no Coliseum, en que se atenderán ás restricións decretadas pola Xunta canto á capacidade, que será de 60 persoas como máximo. "From Bach to Radiohead" suporá o terceiro directo da OSG no edificio de usos múltiples, en que xa se testaron con éxito os dispositivos de seguridade ante a situación actual da pandemia. Coa actuación do tenor granadino José Manuel Zapata, a formación reunirá unha selección de pezas musicais que abarcan desde o século XVIII até a actualidade e coas que se dirixirá a todo tipo de públicos ao incluír propostas clásicas e outras que beben do rock and roll co fin de achegarlle o xénero sinfónico á mocidade.

Baixo a dirección de Michael Thomas e con arranxos de Juan Francisco Padilla, que tamén será solista á guitarra xunto ao violista Rubén Rubio, o público poderá desfrutar de obras como "Toccata en re menor", de Bach; "Fade out" e "No surprises", de Radiohead; "The Trooper", de Iron Maiden e Dmitri Shostakóvich; "Hyperballad", de Björk, ou "Garganta con arena", de Cacho Castaña.

As entradas están á venda con prezos que parten dos dez euros en https://coruna.sacatuentrada.es/, no despacho do Quiosco da praza de Ourense, en horario de luns a venres das 09.30 ás 13.00 horas e das 16.30 ás 19.30 horas, e no despacho do Coliseum, a partir das 17.00 horas do sábado.

CICLO DE CONCERTOS

A Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coliseum programaron este ciclo de concertos extraordinarios para difundir a súa actividade e ao mesmo tempo dar a coñecer a transformación do recinto de cara a albergar as citas desta temporada de abono 19/20. Deste xeito, tras a estrea o 22 de agosto da formación na súa nova casa con música de cine, ofreceu o día 5 "Clásicos máxicos" e prepara agora a segunda parte cunha miscelánea divertida para encarar a derradeira das actuacións o 26 de setembro en que colaborará o músico Xoel López.

O concerto de agosto realizouse sen público pola situación sanitaria dese momento e o 5 o Coliseum abriu de novo as súas portas ao público desde o último recital que ofreceu Vetusta Morla en febreiro. O grupo madrileño foi o segundo en esgotar localidades en 2020 despois do cheo de Beret con 8.500 espectadoras/es no recinto. Este sábado pasado foron 60 as e os afortunados que se reencontraron coa música en directo nun Coliseum que ofrecerá este sábado unha nova sesión.

Para iso instaláronse no edificio novos accesos que segmentarán o público por sectores así como percorridos independentes, en que cada sector non confluirá co resto en ningún momento. Estará garantida a distancia social e haberá dispensadores de xel hidroalcólico nas entradas. Tamén serán identificadas as persoas asistentes no proceso de adquisición das localidades e axustarase a capacidade segundo o que decreten as autoridades sanitarias.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión