12 de setembro de 2024
A programación setembro-novembro recolle un total de 11 actividades de balde no Centro Sociocultural Ágora para familias con crianzas de 0 a 6 anos
O espectáculo (de 1 a 3 anos) terá unha dobre función o 17 de setembro ás 17.00 horas. A inscrición estará aberta a partir das 10.00 horas na web www.coruna.gal/lingua
O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición do Programa Apego, con actividades durante os meses de setembro, outubro e novembro para familias con crianzas de 0 a 6 anos. En total, a programación recolle 11 actividades de balde que se celebrarán no Centro Sociocultural Ágora seguindo a liña marcada polo Goberno de Inés Rey para a dinamización dos espazos culturais cunha oferta ampla e para todos os públicos.
Mañá, venres 13 de setembro, abrirase a inscrición para 'Palabras', de Baobab Teatro, a primeira das actividades do programa trimestral. Trátase dun espectáculo musical e teatral para os máis pequenos e pequenas da casa onde a través das palabras e as cancións poden coñecer a tradición oral galega.
'Palabras' é unha proposta dramática orientada a nenos e nenas de 1 a 3 anos de idade. Terá lugar o vindeiro martes 17 de setembro e contará con dúas funcións, ás 17.00 e ás 18.30 horas, cunha duración de 45 minutos. As persoas que o desexen poderán facer reserva da súa praza a partir de mañá ás 10.00 horas a través do portal web www.coruna.gal/lingua.
A programación continuará ate o día 26 de novembro, todos os martes no Centro Sociocultural Ágora. Do mesmo xeito, as inscricións abriranse para cada espectáculo o venres anterior. A reserva de praza realizarase ao nome do ou da menor polo que non é preciso inscrición da persoa adulta que a acompañará no espectáculo.
A programación, ao detalle
SETEMBRO
"Estrafalaria", de Xarope Tulú
Martes, 24 | 17.00 e 18.30 horas
+ 3 anos - 50 minutos de duración
Inscrición: a partir do venres 20 de setembro, ás 10.00 h
Espectáculo de Atenea García que combina a narración oral coa manipulación de obxectos. Os personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira.
OUTUBRO
"Manual para deitarse", de Caxoto
Martes, 1 | 17.00 e 18.30 horas
-3 anos - 35 minutos de duración
Inscrición: a partir do venres 27 de setembro, ás 10.00 h
Poucas as veces as crianzas van para a cama de boa gana. Neste espectáculo poñémonos nos intres antes de deitarse cunha función de contos chea de aventuras, misterios sen resolver e visitas inesperadas.
"Cacho animalada", de Vero Rilo e Luis Iglesias
Martes, 8 de outubro | 17.00 e 18.30 horas
+3 anos - 50 minutos de duración
Inscrición: a partir do venres 4 de outubro, ás 10.00 h
Narración oral e música en directo, porque é tempo de soltar as melenas e contar, cantar, bailar e correr coas feras que levamos dentro. Raposos, merlas, toupas, nenas, nenos... corredes con nós?
"Concertiño para peques", de Félix Arias
Martes, 15 | 17.00 e 18.30 horas
-3 anos - 60 minutos de duración
Inscrición: a partir do venres 11 de outubro, ás 10.00 horas
Félix Arias trae este concerto para a primeira infancia cheo de suaves melodías que axudarán a que as crianzas desenvolvan o sentido do ritmo e a memoria musical con cancións didácticas con moita narrativa e literatura.
"Luppo", de Baobab Teatro
Martes, 22 | 17.30 e 18.30 h
De 4-6 anos - 50 minutos de duración
Inscrición: a partir do venres 18 de outubro, ás 10.00 h
Luppo é un home maior cunha rutina moi concreta. Todos os días escoita, no seu gramófono, a mesma ópera. Tulún, un neno que lle leva a compra a diario, comparte con el contos e historias da vida de Luppo. Mais un día Tulún atopará que Luppo non está na casa. Unha obra que fala do ciclo da vida e da relevancia das experiencias dos nosos maiores na infancia.
"Nanocontos", de Raquel Queizás
Martes, 29 | 17.00 e 18.30 horas
-3 anos - 50 minutos de duración
Inscrición: a partir do venres 25 de outubro, ás 10.00 h
A contadora Raquel Queizás traballará a psicomotricidade e a percepción espacial dos bebés a través de pequenas historias que focalicen a súa atención na narración. Nano, unha simpática ra, será a protagonista destas pequenas grandes historias.
NOVEMBRO
"Contos debuxados, debuxos contados", de Caxoto (con Marc Taeger)
Martes, 5 | 17.00 e 18.30 horas
+3 anos - 60 minutos
Inscrición: a partir do venres 1 de novembro, ás 10.00 h
Dun lado a picaresca, o trazo conciso e a fantasía visual de Marc e doutro lado a retranca, a voz firme e o maxín bulebule de Caxoto e engadindo a participación imprevisible do público para unha tarde de contadas.
"Pelica de burra", de Vero Rilo e Luis Iglesias
Martes, 12 | 17.00 e 18.30 horas
-3 anos - 30 minutos
Inscrición: a partir do venres 8 de novembro, ás 10.00 h
Despois dunha incrible viaxe no tempo, Pelica de Burra, a nosa protagonista, aterra nun futuro sen xogos, sen contos, sen música... nun futuro terrible. Ante isto, decide regresar ao pasado para atopar todo o que bota de menos no presente.
"Maruxiña", de Laura Sarasola
Martes, 19 | 17.30 e 18.30 horas
+3 anos - 45 minutos
Inscrición: a partir do venres 15 de novembro, ás 10.00 h
Maruxiña bebe do conto de Andersen "Polgariña", mais baixo unha nova óptica máis cómica e musical. Maruxiña, despois de ver nacer unha hortensia dunha das xardineiras da señora Lola, descubrirá que existe un mundo máis grande ca o que coñece, o que a anima a investigar toda a súa contorna: a amizade, os soños e a decisión de que quere ser.
"Tinta do mar, pequena biografía de Luísa Villalta", de Polo correo do vento
Martes, 26 | 17.30 e 18.30 horas
+3 anos - 50 minutos
Inscrición: a partir do venres 22 de novembro, ás 10.00 h
Contacontos e ilustración sobre o libro que a compañía fixo arredor da escritora coruñesa celebrada este ano polo Día das Letras Galegas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible