Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de setembro de 2022

A Coruña será xunto con Málaga, Barcelona e Madrid unha das cidades centrais da programación do Ano Picasso

O Concello achegará 150.000 euros para a organización da exposición “Picasso blanco en el recuerdo azul”

Inés Rey compromete a máxima implicación do Concello en todas as actividades que se desenvolverán con motivo da conmemoración do aniversario do artista

 A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe en Madrid con motivo do acto de inauguración das actividades conmemorativas do Ano Picasso o compromiso do Concello de colaborar economicamente coa organización da mostra "Picasso blanco en el recuerdo azul" que se exporá no Museo de Belas Artes da cidade. O goberno local achegará 150.000 euros para o desenvolvemento da mostra tal e como se comprometeu no Comité de Cooperación Institucional do pasado 19 de xullo e se ratificou coa Xunta de Galicia posteriormente.

"'Picasso blanco en el recuerdo azul' será unha mostra que situará A Coruña no circuíto nacional de grandes eventos sobre o artista e permitirá atraer a visitantes nacionais e internacionais á cidade, polo que contará coa total implicación do Concello para garantir que sexa un éxito", sinalou Inés Rey. A Coruña será xunto con Málaga, Barcelona e Madrid unha das cidades centrais da programación do ano Picasso, tal e como se puxo de manifesto no acto de inauguración das actividades conmemorativas, que contou coa intervención do presidente do Goberno e do rei e a raíña de España.

Esta mostra, que se desenvolverá no Museo de Belas Artes, será o acto central do conxunto de actividades ao longo da cidade; entre elas, atópanse varias como "Universo picassiano: homenaxe a Pablo Picasso na súa etapa coruñesa" no Quiosco Alfonso ou "O humor fala de Picasso", no marco do Encontro Mundial do Humorismo, que recollerá ilustracións en homenaxe ao pintor. Tamén está previsto realizar o III Congreso Internacional de Arte e Educación en colaboración coa Fundación Luís Seoane, que dedicará un relatorio sobre a vinculación da educación artística na infancia a través do Picasso mozo, así como un ciclo de conferencias sobre a figura da muller no universo deste autor, tanto na súa pintura como na súa investigación.

O Concello traballa ademais coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de actividades conxuntas para a conmemoración deste ano. "Unha programación cultural que nos permitirá reivindicar A Coruña como capital picassiana, onde o artista comezou a súa carreira artística cos seus primeiros esbozos", concluíu Inés Rey.

Rehabilitación de Casa Museo Pablo Picasso

Co gallo da celebración do Ano Picasso, o Concello da Coruña ten prevista a rehabilitación do primeiro piso de Casa Museo Pablo Picasso, situada na rúa Paio Gómez, 14. Esta foi a casa familiar do artista durante a súa etapa coruñesa e abriuse no ano 2002 para divulgar a súa figura e vinculación coa cidade. 

O obxectivo é ampliar e rehabilitar o primeiro andar para a creación dun centro de interpretación onde poder acoller material do pintor na súa etapa coruñesa. Unha aposta do Goberno de Inés Rey pola posta en valor das casas museo, que se suma á recente reforma da Casares Quiroga con motivo da celebración do Ano Internacional María Casares.

A rehabilitación, que comezará antes de finalizar o ano 2022 coincidindo co 20.º aniversario da súa apertura, abrirase ao público no próximo 2023 durante a celebración do Ano Picasso.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión