Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de decembro de 2019

O Concello agradece a “boa disposición” do persoal traballador de Albada e cualifica de “tranquila” a primeira xornada de folga

A xornada transcorreu sen incidencias. Un total de 30 camións escoltados pola Policía Local accederon sen problemas ás instalacións da planta. A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asegurou que “ao Goberno local non lle vai tremer a man á hora de pór en marcha todos os recursos legais ao seu alcance se a empresa persiste na súa idea de non cumprir co contrato a partir do 1 de xaneiro” e anunciou que o novo prego para o contrato da planta atópase xa na área de Contratación

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, cualificou de "moi tranquila" a primeira xornada de folga das traballadoras e traballadores de Albada, e confía en que sexa breve e lle ocasione as mínimas molestias posibles á cidadanía. "Quero agradecer o bo talante e disposición do persoal traballador, ao que lle pedimos sentido común porque repetir a situación que se viviu en 2003 non beneficia a ninguén", explicou a edila, que, en todo momento, deixou claro que defende a lexitimidade da folga e a reivindicación dos postos de traballo aos que teñen dereito as e os traballadores. Esta constitúe unha folga que responde ao anuncio da empresa concesionaria de despedir a 40 persoas a partir do 1 de xaneiro.

Aclarou que esta situación "non responde á xestión do Goberno actual pero que temos a obriga de a solucionarmos". A sintonía entre o persoal traballador e Goberno local é boa, dixo Fontán, quen confía en poder seguir por esta senda de diálogo e entendemento, tal e como lles manifestou a alcaldesa, Inés Rey, aos traballadores e ás traballadoras o xoves pasado antes do Pleno municipal.

A responsable de Medio Ambiente asegurou que a planta funciona con normalidade dentro dos servizos mínimos e confía en que se manteña a situación. Un total de 30 camións da cidade e varios do Consorcio entraron esta noite e esta mañá respectivamente na planta escoltados pola Policía Local. Mesmo están a saír de planta os camións do refugallo. Tan só quedaron fóra, mais por motivos de tempo e unha avaría, os camións de San Pedro de Visma, Barrio das Flores e Ventorrillo.

Con todo, a pesar dunha primeira xornada sen incidentes, a concelleira pide a comprensión e colaboración da cidadanía porque, aínda que hoxe non se ve lixo na rúa, "o máis probable é que a partir do xoves se recrúe algo a situación e se comecen a notar as consecuencias da folga na recollida", explicou.

Desde o Concello aconséllanlle á veciñanza poñer en marcha unha serie de medidas encamiñadas a minimizar o impacto ambiental e garantir a hixiene nas rúas da cidade, entre elas, non deixar cartón nas beirarrúas, o peche hermético das bolsas de orgánico e non deixar residuos voluminosos. Desde Medio Ambiente tamén van contactar cos polígonos de Sabón, Pocomaco, A Grela, grandes superficies, supermercados e mercados para solicitar a súa colaboración.

Doutra banda, a concelleira explicou que mentres que as relacións co persoal traballador son boas, o diálogo con Urbaser está en punto morto. O diálogo, asegura, é imposible porque o Concello non tolerará o incumprimento do contrato por parte de Albada a partir do día 1. "Ante as chantaxes da empresa, ao Goberno local non lle vai tremer a man á hora de utilizar todos os recursos dispoñibles para os obrigar a cumprir o servizo con todas as garantías" e lembrou que o Concello non deu un paso atrás na súa postura cando Albada ameazou con non transportar os refugallos que estaban depositados no exterior da planta e "non o imos dar agora co anuncio do despedimento de 40 traballadores".

Recoñece que polo de agora Albada non incumpriu co contrato pero que o Goberno local teme "que a partir do 1 de xaneiro a empresa non fará caso aos requirimentos que se lle realizan desde o Concello", xa que nin sequera acudiu a unha reunión co Consello Galego de Relacións Labores "con argumentos tan pouco convincentes como a falta de tempo".

Por esta razón, o Concello buscará unha solución antes do 1 de xaneiro, pero Albada-Urbaser ten a obriga contractual de manter o servizo coas mesmas condicións (recollida e tratamento dos residuos da cidade e da área metropolitana, o mesmo persoal e a xestión dos rexeitamentos) ata que se asine un contrato novo, cuxos pregos xa foron enviados ao servizo de Contratación.

Confirmou que ante a postura anunciada de non cumprir co contrato, o Goberno local traballa en varias vías e ten sobre a mesa distintas alternativas: recuperación da concesión, un contrato de urxencia e unha última que existe, pero que a concelleira desbota ao pór en perigo a estabilidade laboral do persoal traballador, que sería levar os residuos a Sogama.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión