7 de outubro de 2026
Este proxecto, pioneiro na cidade, supón un investimento de máis dun millón de euros e suporá a ampliación do espazo e dos elementos de xogo
O Concello avanza coas obras do parque infantil cuberto do Ventorrillo, que será o primeiro na cidade. As catro cubertas do recinto xa foron colocadas e actualmente están a levarse a cabo os traballos de acondicionamento do espazo para a posterior colocación dos elementos de xogo. Este proxecto supón un investimento de máis dun millón de euros e é o primeiro dos catro parques destas características que o Concello ten o obxectivo de completar como parte do plan do Goberno de Inés Rey para a ampliación e mellora da rede de áreas infantís na cidade.
"Estamos a falar dunha estrutura que é pioneira na cidade e que ofrece aos nenos e nenas a posibilidade de xogar protexidos tanto da choiva como do sol. Buscamos a modernización xeral das áreas infantís, e iso pasa tamén por apostar en melloras na seguridade e pensar nos modelos de parque do mañá", apuntou o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
A intervención forma parte do Plan de Barrios 2025-2027, impulsado polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de seguir modernizando os espazos públicos da cidade e que xa mobilizou máis de 90 millóns de euros en investimentos.
A intervención permitirá ampliar a superficie do parque dos 400 metros cadrados actuais ata os 730, incrementando tamén a súa capacidade de 76 a 135 persoas usuarias. Ademais da cuberta, renovarase completamente o pavimento e os elementos de xogo, incorporando novos equipamentos inclusivos e sensoriais, así como dous grandes tobogáns aproveitando o noiro lindeiro ao parque, nun deseño similar aos existentes no corredor verde de Novo Mesoiro.
Desde o ano 2021, o Concello puxo en marcha máis dun cento de actuacións nas áreas infantís da cidade, tanto para renovar as xa existentes como para crear outras novas. Como o novo espazo en construción na praza de Portugal, que supón un investimento 1,3 millóns de euros que levará elementos de xogo e de lecer a unha zona icónica da cidade, moi preto ao estadio de Riazor. Ou o parque cuberto do Ventorrillo, tamén en marcha e cun investimento municipal que supera o millón de euros. Ademais, recentemente foron adxudicadas por máis 374.000 euros as obras de remodelación da área infantil da praza de Pontevedra e saíu a licitación a renovación da área infantil de Busto, no barrio de Palavea, por 150.000 euros.

10 de novembro de 2026

8 de novembro de 2026

7 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible