Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de decembro de 2020

O Concello comeza este luns a renovación de 9.000 contedores para o lixo orgánico e inorgánico

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a substitución dos colectores pon de manifesto o compromiso deste goberno coa mellora dos servizos públicos básicos, “algo que ten que converterse nunha práctica non extraordinaria”. A empresa prestataria realizará a os traballos de substitución en horario nocturno para axilizar os labores e causar as menores molestias posibles ás veciñas e veciños.

O Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente e Sustentabilidade, comezará a renovar un total de 9.000 contedores para o lixo orgánico e inorgánico a partir deste luns. A empresa prestataria do servizo de subministración, mantemento e limpeza iniciará os seus traballos na madrugada do día 14 de decembro, realizando a substitución en horario nocturno para axilizar os labores e causar as menores molestias posibles ás veciñas e veciños. A renovación dos contedores realizarase por fases, co fin de substituír 3.400 unidades antes de que remate o 2020 e de que queden pendentes para os meses de xaneiro e febreiro as 5.600 restantes.

Esta mañá tivo lugar a presentación dos novos contedores na praza de María Pita, en que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán. Rey destacou "a especial dedicación e traballo da Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior, da Área de Contratación, e especialmente do concelleiro José Manuel Lage, que traballaron para que estes contratos de limpeza e recollida do lixo estean por fin regularizados e para que se preste un servizo coa calidade que merece a cidade da Coruña".

A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade apuntou que "os contedores limparanse in situ de forma quincenal e unha vez cada tres meses nunha nave". Ademais, destacou que os colectores "están fabricados con materiais totalmente reciclados" e, dixo, son contedores silenciosos grazas ao "material das rodas e ás tapas dos colectores que ao baixalas non fan ruído". A identificación dos contedores está adaptada ao sistema Braille. Fontán recalcou a importancia do "cambio significativo da cor representativa da fracción orgánica, que pasa de verde a marrón, harmonizando co resto de municipios a nivel nacional".

A nova implantación comezará nas unidades soterradas, para posteriormente avanzar cara o barrio dos Rosales e Labañou-San Roque. Durante as xornadas sucesivas o traballo irase desprazando cara aos barrios que conforman o norte da cidade: Cidade Xardín, Juan Florez-San Pablo, Pescaría, Cidade Vella,  Atochas- Orillamar,  Durmideiras e  Monte Alto.

Tras esta primeira fase, cuxa implantación supón a renovación de aproximadamente o 40% dos contedores da vía pública, e tras o parón do Nadal, xa a mediados do mes de xaneiro, retomaranse os traballos no resto da cidade, prevendo a súa consecución a finais do mes de febreiro. A partir deste intre iranse implantando as unidades adaptadas para persoas con diversidade funcional, cuxa instalación requirirá a adaptación dos soportes metálicos que os suxeitan, xa que estes contedores teñen unhas dimensións maiores ás do resto de unidades. Por este motivo, a súa implantación será progresiva.

Estes traballos coinciden coa renovación estética das caixas dos contedores soterrados, que contemplan traballos de repintado e renovación da cartelería identificativa e que se está levando a cabo desde hai algunhas semanas.

Tamén os contedores semisoterrados están a ver unha mellora estética coa renovación de tapas e outros elementos ou grazas ao repintado e reparación daquelas que presentan deficiencias. Desta forma, perséguese unha maior unificación identificativa dos contedores de residuos, facilitando o seu uso por parte dos veciños.

Máis adiante, procederase á renovación das unidades das fraccións selectivas de papel cartón e vidro, actualmente en contedores tipo iglú, os cales serán substituídos por unidades con sistema de recollida mediante carga lateral, unha vez inicie o servizo a nova adxudicataria de recollida, que deberá adquirir camións específicos para o seu baleirado. A Concellería de Medio Ambiente e Sustentabilidade prevé este proceso para a segunda metade do próximo ano. Durante esta fase buscarase, onde sexa posible, unha maior agrupación de contedores con todas as fraccións de residuos, como ferramenta clave no fomento da reciclaxe que persegue o  Concello da Coruña.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión