Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de setembro de 2023

O Concello completa os traballos para mellorar a accesibilidade desde a rúa Picavia á rúa Compostela, coa disposición dunha plataforma única

O Servizo municipal de Infraestruturas acometeu a renovación do pavimento con novas lousas de granito, homoxeneizándoo coa estética da rúa Compostela. Ademais, renovouse a rede de saneamento da contorna

O Concello da Coruña completou esta semana os traballos para mellorar a accesibilidade na rúa Picavia, unha intervención promovida a través do Servizo municipal de Infraestruturas co obxectivo de remodelar os accesos peonís e do tráfico rodado no treito que conecta coa rúa Compostela.

Neste sentido, as obras en Picavia centráronse, principalmente, no sector norte da rúa, na superficie que vai en paralelo ao túnel de acceso ao aparcadoiro da praza de Lugo. A calzada e a beirarrúa pasaron a estar dispostas en forma de plataforma única, polo que se renovou o pavimento, que se homoxeneizou esteticamente coa rúa Compostela coa disposición de lousas de granito.

Como paso previo á renovación do pavimento, a inicios de xuño comezaron os traballos previos de demolición do firme da calzada, no punto de acceso de Picavia a Compostela. A continuación, e aproveitando a intervención, acometéronse melloras na rede de saneamento deste enclave. As novas tubaxes destinadas á recollida de augas fecais e pluviais, de PVC e cun diámetro de 315 mm, substituíron os colectores antigos, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior.

A reapertura da rúa Picavia, -xa en formato peonil e só accesible ao tráfico rodado no caso dos vehículos de carga e descarga, así como aos que teñen praza de estacionamento en garaxes-, tivo lugar o pasado luns 11, despois de que o persoal do Servizo municipal de Infraestruturas comprobase os últimos detalles da rampla de acceso específica para os vehículos, disposta en formato de elevación.

Sinalización horizontal na contorna da estación de BiciCoruña

Ademais das melloras de accesibilidade que se acometeron no sector norte de Picavia, o Servizo de Infraestruturas levou a cabo o pintado da sinalización horizontal necesaria na contorna da estación de BiciCoruña situada na mesma rúa. Esta base foi habilitada no primeiro trimestre deste ano, ao abeiro da primeira fase do plan de expansión da rede de bicicletas públicas promovida polo Goberno de Inés Rey.

A este respecto, e co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas usuarias do servizo e facilitar a saída dos vehículos de BiciCoruña, delimitouse un pequeno carril lindeiro coa estación pola súa esquerda, e pintouse un sinal de ceda o paso para que as bicicletas respecten o paso de vehículos en dirección ao treito de circulación rodada cara á rúa Compostela.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión