Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de outubro de 2020

O concello consolidará o potencial arqueolóxico e histórico da Cidade Vella coa reforma de Nosa Señora do Rosario e de San Carlos

Ambas as obras, cuxo orzamento que supera os 1,2 millóns de euros, comezarán este luns co fin de mellorar a accesibilidade e o atractivo do barrio.

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que as obras da reforma do Xardín de San Carlos e da urbanización da rúa Nosa Señora do Rosario comezarán este luns para pór en valor a parte máis antiga da cidade e responder a unha demanda de hai anos da veciñanza. No caso da rúa, aplicarase unha pavimentación continua en todo o ámbito e cun orzamento que ascende a 806.330 euros consolidarase o gran potencial arqueolóxico pola existencia nela de restos da antiga porta da muralla. O proxecto reflicte a incorporación destes vestixios á reurbanización.

Por outra parte, Urbanismo cambiará na actuación a sección actual da rúa, cun esquema para o tráfico rodado, pola sección tradicional en ámbito histórico en plataforma única, como solución do espazo en que conflúen a entrada á Cidade Vella por Porta dos Ares, a conexión das rúas Campo da Estrada e mais esta e a rúa recentemente reformada Xeneral Alesón. Os traballos, que se executarán en seis meses, enmárcanse dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa operativo plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Incluirán a mellora de insfraestruturas como a recollida de pluviais, da rede de abastecemento de auga potable e o soterramento das canalizacións de electricidade, telecomunicacións e iluminación que na actualidade invaden as fachadas dos edificios. Así mesmo, recóllese a reordenación dos elementos de xardinería que xa ornamentaban o viario e a instalación de novo mobiliario urbano. No proxecto redactado por RVR Arquitectos, protexeranse parte dos empedrados e os olmos siberianos e plantaranse unha sophora xapónica e tres exemplares de acer argénteo pola súa resistencia en ambientes mariños.

Ademais, colocaranse unhas varandas redondas de aceiro que substituirán o muro e as xardineiras  demolidos nas escaleiras da avenida Porta dos Ares, o que permitirá ter desde aquí unha mellor visibilidade da praza de María Pita. Na transición entre o pavimento asfáltico e o empedrado, instalarase un banco cunha dobre función, xa que marcará o límite para orientar o tráfico rodado e protexerá as zonas de estancia. A rúa contará con catro papeleiras novas e unha placa conmemorativa de bronce na contorna da porta dos Ares, que, sobre base de granito, recollerá información acerca do sistema de murallas da cidade e a propia entrada.

Doutra banda, as obras de restauración do Xardín de San Carlos cofinanciadas nun 80% polo FEDER no marco do Programa plurirexional de España 2014-2020, permitirán que o xardín recupere o seu trazado orixinal. O proxecto conta cun orzamento de 400.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Desde a Concellaría de Medio Ambiente, informan de que o recinto permanecerá pechado ao público mentres se prolonguen os traballos de reforma, obra do enxeñeiro agrónomo Pedro Martínez Calaza.

O inicio das obras, previsto para o mes de xuño, tivo que se atrasar para protexer as especies de olmos centenarios, xa que o xardín alberga o único olmedo protexido de Galicia. O recinto está catalogado como Ben de Interese Cultural e ten no seu interior a tumba de Sir Jonh Moore, así como outros elementos de gran valor histórico.

O Xardín de San Carlos, sinalan desde Medio Ambiente, é un dos espazos verdes máis singulares da cidade e o obxectivo da reforma é recuperar parte da súa esencia, mellorar os seus atractivos e, ao mesmo tempo, ofrecerlle ao barrio da Cidade Vella un valor engadido.

As obras que levarán a cabo consisten na recuperación histórica do trazado do xardín, que volverá a ter oito xardíns con céspede e flores, que contarán con distintas especies. Pintaranse os muros interiores e realizarase unha limpeza manual dos muros de pedra. Ademais, melloraranse o pavimento e as instalacións de saneamento, rega e iluminación. Tamén se restaurarán elementos catalogados, como as lanzas de Juan de Ciórraga e instalaranse bancos individuais que serán fixados ao chan. As obras estarán supervisadas por un arqueólogo que controlará súa execución, especialmente as que lles afecten aos elementos patrimoniais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión