Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de decembro de 2021

O Concello da Coruña, a través de Emalcsa e a UDC, impulsan novos proxectos de investigación na procura da excelencia na xestión do ciclo da auga

A alcaldesa da Coruña e presidenta da empresa pública de augas, Inés Rey, asinou hoxe o acordo co reitor da universidade, Julio Abalde, polo que Emalcsa achegará 170.000 euros anuais á Cátedra Emalcsa-UDC para que xestione os proxectos de innovación de forma directa

A Empresa Municipal de Augas da Coruña renova o seu compromiso coa Universidade da Coruña ao asinar o novo convenio da Cátedra Emalcsa-UDC para os próximos tres anos. Foi a presidenta da compañía de augas e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen formalizou hoxe este acordo co reitor da universidade, Julio Abalde. 

Ábrese así unha nova etapa da cátedra coa que se pretende afondar na relación entre ambas institucións con máis recursos e novos retos. En concreto, Emalcsa achegará 170.000 euros anuais nesta nova etapa. A maior parte desa cifra, 150.000 euros (fronte aos 50.000 iniciais), destinaranse a crear un fondo que permitirá á cátedra xestionar os diferentes proxectos de innovación de xeito directo. Os 20.000 euros restantes sufragarán as labores de promoción e difusión das actividades, así como mellorar a relación entre os distintos grupos de investigación implicados e o persoal técnico de Emalcsa. Grazas ao novo convenio Emalcsa e a UDC afondarán na aplicación de criterios de excelencia na calidade da auga distribuída e incidirán na dixitalización de procedementos que permitan un maior control de todo o ciclo. 

"O Goberno municipal que presido ten un compromiso coa investigación e o desenvolvemento e o ten tamén coa nosa universidade, por iso desde Emalcsa estamos a impulsar proxectos innovadores, contribuíndo tamén a mellorar as oportunidades dos nosos investigadores e a ofrecer un mellor servizo de abastecemento aos cidadáns", indicou Inés Rey. 

O novo convenio mantén os obxectivos iniciais da cátedra de "organizar a investigación e a transferencia no ámbito dos sistemas de auga urbana, para desenvolver unha estratexia de xestión sostible e diferenciada na comunidade autónoma de Galicia", mais aposta por un novo modelo de xestión e actuación máis complexo con varios órganos de goberno: a dirección da Cátedra, que actualmente ostenta o catedrático de Química Moisés Canle e que sería o responsable final de todas as accións, e o comité de seguimento, responsable da fiscalización e control das actividades. Estará formado polo director xeral de Emalcsa, o vicerrector de Investigación e transferencia da UDC (departamento do que depende a cátedra) e os directores da cátedra e do departamento de I+D+i de Emalcsa. 

Mantense tamén o comité científico-técnico para garantir a calidade e a orientación das actividades, así como para promover as relacións internas entre os diferentes grupos de investigacións e centros da UDC. Está composto por 13 membros, incluíndo representantes das diferentes áreas de coñecemento da universidade.

A través deste sistema máis complexo preténdese garantir o éxito das accións pese ao aumento da actividade e recursos que supón este convenio. 

Antecedentes 

Emalcsa e a UDC levaban colaborando máis de 25 anos en diferentes actuacións puntuais. De feito, desde que naceu a área de I+D+i da compañía de augas no 2013, aumentou notablemente o número de actividades conxuntas. Froito desta relación, en setembro de 2017 formalízase esta cooperación e nace a Cátedra  Emalcsa-UDC, para optimizar os recursos e as iniciativas. 

Durante este tempo desenvolvéronse máis de 30 convenios e contratos que mobilizaron investimentos por un valor total de  35 millóns de euros e que repercutiron positivamente en ambas institucións, pero tamén no tecido empresarial e social da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión