Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de decembro de 2022

O Concello da Coruña aproba o anteproxecto necesario para licitar a xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián

O anteproxecto abrangue a actualización da planta de clasificación, a optimización dos dixestores e a creación dunha nova zona de estacionamento e un edificio de vestiarios para o persoal da instalación

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a aprobación do anteproxecto necesario para dar luz verde á licitación da xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, unha instalación con dúas décadas de percorrido que será remodelada e modernizada por primeira vez desde a súa posta en marcha, no ano 2002.

O anteproxecto foi aprobado na Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá en María Pita. Neste sentido, a Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade estima en case 52 millóns de euros o investimento preciso para concretar a renovación de Nostián, que inclúe melloras nas infraestruturas de clasificación de residuos e tamén no referente ás áreas de persoal.

"A planta de clasificación de residuos será actualizada e tamén se incrementará a súa capacidade operativa, facéndoa máis eficiente. Ademais, optimizaranse todos os dixestores da instalación para obter máis enerxía limpa. E remodelarase, interiormente, a nave de compostaxe", explicou a alcaldesa. 

En paralelo, o anteproxecto inclúe a creación dunha nova zona de estacionamento que será exclusiva para os traballadores, así como un edificio destinado aos vestiarios do persoal. "Pero a principal novidade, neste sentido, está na remodelación dos circuítos interiores, reforzando a seguridade e prevención dos empregados, garantindo un illamento con respecto ás cintas de transporte de residuos", detallou Inés Rey. Para isto, Medio Ambiente contempla automatizar certos procesos coa idea de que o persoal da instalación atenda, máis en concreto, ás tarefas de control e menos ás de clasificación.

Ademais, o anteproxecto contempla tamén a posibilidade instalación de cinco contenedores: tratamento de residuos orgánicos; envases; outros restos; papel; e vidro. E, por outra banda, o anteproxecto suma a xestión dun novo punto móbil para a cidade.

"Este é o segundo paso administrativo relevante que damos despois do estudo de viabilidade para licitar o contrato. Tal e como comprometimos, coa aprobación deste anteproxecto seguimos a dar os pasos necesarios con vistas a licitar Nostián neste mandato", subliñou a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión