Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de novembro de 2022

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor os obxectivos dos 19 proxectos seleccionados nesta convocatoria, que terán un impacto directo en máis de 5.870 persoas

O Concello da Coruña e Gadisa reforzan a súa colaboración para promover proxectos deportivos orientados á inclusión social

O programa ‘Deporte solidario e inclusivo’, promovido pola Fundación Emalcsa e financiado con 250.000 euros, contará co apoio económico do grupo empresarial con vistas ás edicións 2022-23 e 2023-24

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro, asinaron esta mañá a renovación do acordo de colaboración existente entre o Concello e o grupo empresarial, que desde o ano 2017 apoia economicamente o programa 'Deporte solidario e inclusivo', unha iniciativa que promove a Fundación Emalcsa co obxectivo de impulsar a inclusión social a través da práctica deportiva.

O acordo subscrito hoxe implica unha doazón de 20.000 euros, por parte de Gadisa, para contribuír a financiar o programa 'Deporte solidario e inclusivo' na súa novena convocatoria, correspondente á tempada 2022-23, e tamén con vistas á vindeira edición do programa, na tempada 2023-24.

Desta forma, o Concello da Coruña e Gadisa reforzan a súa colaboración por dous anos máis, unha continuidade posta en valor por Inés Rey: "O Goberno municipal está firmemente comprometido coa integración social, é consciente da importancia de traballar pola igualdade de oportunidades e tamén da necesidade de fomentar hábitos saudables entre a cidadanía, cuestións ás que este programa dá resposta". Neste sentido, continuou Rey, "agradecemos a implicación de Gadisa no proxecto, o que amosa os beneficios que a colaboración público-privada lle pode brindar á cidadanía".

A novena edición do programa 'Deporte solidario e inclusivo'

O pasado 27 de outubro, e a través da Fundación Emalcsa, o Concello asinou diversos convenios de colaboración con entidades sociais e culturais para poñer en marcha 35 proxectos sociais que favorecen a inclusión social a través de iniciativas culturais e deportivas. Destes 35 proxectos, financiados con 350.000 euros, 19 están asociados á novena convocatoria do programa 'Deporte solidario e inclusivo', dotados especificamente con 250.000 euros e que contan, ademais, co apoio económico de Gadisa en virtude do acordo de colaboración subscrito hoxe.

Inés Rey, acompañada esta mañá pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, e o director-xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, recordou este luns que "os 19 proxectos seleccionados nesta convocatoria terán un impacto directo en máis de 5.870 persoas, que tomarán parte nos próximos meses en numerosas actividades de carácter deportivo". 

As ditas actividades ofreceranlles a colectivos e persoas en situación de vulnerabilidade a posibilidade de achegarse a disciplinas deportivas como baloncesto, escalada, esgrima, fútbol e fútbol sala, halterofilia, hípica, natación, pádel, balonmán, piragüismo, frontenis, tiro con arco, tenis, tenis de mesa, triatlón e pentatlón moderno, e vela.

Ademais, boa parte dos proxectos seleccionados, que implican o tecido asociativo da cidade, incorporan oferta de prazas de carácter gratuíto nas escolas, campamentos e demais actividades habituais dos clubs, dirixidas principalmente a menores en situación de exclusión económica.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión