Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de agosto de 2022

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, subliña a importancia dos centros cívicos como “espazos de socialización e dinamización dos barrios”

O Concello da Coruña lanza a nova programación de actividades para todas as idades nos centros cívicos

O prazo de preinscrición para a modalidade presencial será os días 1, 2 e 3 de setembro e as actividades comezarán o día 26 de setembro

Pódese consultar xa na web do Concello da Coruña, a través de Servizos Sociais, a nova programación de actividades socioculturais que se levarán a cabo en toda a rede de centros cívicos da cidade para o vindeiro curso, de setembro a decembro. 

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, destacou a variedade das actividades ofertadas, que cobren todas as franxas de idade. "Trátase dunha programación extensa e para todos os gustos coa que queremos seguir profundando na importancia dos centros cívicos como espazos de socialización, de relación interxeracional e como ferramentas clave para a dinamización dos barrios", sinalou. 

Nesta convocatoria, e finalizadas as restricións por mor da COVID, o número das persoas participantes por grupo en cada unha das actividades ampliarase a 15 ou 20 en función da modalidade da actividade e ao espazo dispoñible en cada centro. 

O procedemento e as datas de inscrición

A preinscrición para as actividades e os clubs realizarase os días 1, 2 e 3 de setembro, cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do concello. Soamente aquelas persoas que non teñan acceso a Internet poderán realizala chamando por teléfono ao número 881 150 046 en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

As actividades en liña serán a través da canle de Youtube Coruña Acompaña e non é necesario realizar preinscrición. Cada persoa poderá solicitar un máximo de tres actividades e tres clubs por centro cívico segundo orde de preferencia Nos clubs continuarán as mesmas persoas da convocatoria de xaneiro-maio e só se ofertarán as prazas vacantes. 

A este respecto, as persoas empadroadas no Concello da Coruña terán prioridade fronte ás solicitantes doutros concellos. 

As listaxes provisionais das preinscricións publicaranse o 7 de setembro. Realizaranse o 8 de setembro en cada centro cívico dous sorteos independentes para a adxudicación das prazas, un para as actividades e outro para os clubs.

Xa a continuación, as listaxes das persoas admitidas publicaranse o día 19 de setembro nos centros cívicos, na web do Concello ou consultando a través da Oficina de Atención ao Cidadán (teléfono 010). A inscrición e o pagamento das taxas faranse os días 20, 21 e 22 de setembro. 

As actividades de apoio escolar, cultura xeral e alfabetización terán, xunto cos clubs (impartidos por voluntariado), carácter gratuíto. 

As actividades, tanto as presenciais como as que se impartirán en liña na canle de Youtube Coruña Acompaña, comezarán o 26 de setembro. Neste sentido, as actividades en liña que se levarán a cabo son: estimulación cognitiva (maiores), técnicas de relaxación (interxeracional), edición de vídeo (mozos e mozas), ximnasia GAP e mantemento (interxeracional) e aeróbic latino (interxeracional).

Consulta na seguinte ligazón toda a programación da Convocatoria de actividades socioculturales en los centros cívicos. Septiembre 2022

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión