Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de outubro de 2022

O Concello actualizou a frecuencia semafórica da zona para mellorar a seguridade viaria

O Concello da Coruña mellora a accesibilidade na contorna do IES Rafael Dieste, no cruzamento entre Manuel Murguía e a rolda de Outeiro

A actuación consistiu na ampliación da beirarrúa para adaptala á actual normativa e inclúe novas zonas verdes

O Concello da Coruña rematou os traballos de mellora na contorna do IES Rafael Dieste. As obras consistiron na ampliación da beirarrúa existente no cruzamento da rúa Manuel Murguía e a rolda de Outeiro, na glorieta do Pavo Real. 

O obxectivo principal desta actuación foi o de mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil neste punto, adaptando a beirarrúa á actual normativa. A ampliación levouse a cabo grazas á execución de traballos de retranqueo do muro do centro educativo, pero permitiu gañar espazo na vía pública.

A presenza de dúas árbores dificultaba o paso de peóns, xa que se producía un estreitamento moi importante na zona da beirarrúa que a reducía a 80 centímetros. Este ancho de paso non cumpría a normativa de accesibilidade. Para poder solucionar este conflito, solicitóuselle á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a cesión dunha franxa de dous metros no interior do recinto do IES Rafael Dieste, de titularidade autonómica. A nova beirarrúa conta cun ancho de 2,6 metros e superior de 3 metros na zona próxima ao paso de peóns de Manuel Murguía.

"O espazo urbano debe garantir a accesibilidade para todas as persoas. Desde o Goberno de Inés Rey estamos levando a cabo actuacións en toda a cidade para mellorar a vida das persoas e a calidade urbana", apuntou sobre esta obra Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, sinalou que "o Goberno municipal continúa mellorando a calidade dos nosos centros educativos, sexan da nosa titularidade ou non, con especial atención a aqueles como este Rafael Dieste que contan cunhas instalacións adaptadas en materia de accesibilidade. Nos últimos meses levamos a cabo obras en dez centros para mellorar as súas instalacións de cara a este curso".

Por outra banda, o Concello tamén levou a cabo unha actualización da frecuencia semafórica nesta zona, que asume a diario unha gran cantidade de tráfico rodado ao ser un dos accesos á cidade desde a Terceira Rolda. Este axuste dos tempos do cruzamento de viandantes suporá unha mellora da seguridade viaria neste espazo onde conflúen centros educativos e instalacións deportivas para a mocidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión