Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de maio de 2022

O prazo de inscrición abriuse hoxe, con 76 cursos dispoñibles

O Concello da Coruña oferta máis dun milleiro de prazas en actividades náuticas e acuáticas durante os meses de verán

As actividades, que se levarán a cabo entre o 4 de xullo e 2 de setembro, están dirixidas a nenas, nenos, mocidade e poboación adulta

O Concello abriu este xoves, 25 de maio, o prazo de inscrición para a segunda edición do programa municipal 'Coruña no Mar', unha iniciativa impulsada desde a Concellaría de Deportes co obxectivo de brindar oportunidades de aprendizaxe á cidadanía en diversas disciplinas deportivas náuticas e acuáticas, como paddle-surf; piragüismo; esnórquel e fotografía subacuática; vela lixeira; windsurf e natación en augas abertas.

O programa 'Coruña no Mar', posto en marcha o ano pasado, acadou un notable éxito de participación na súa primeira edición e, ao igual que no 2021, este ano volverá executarse durante os meses de verán, entre o 4 de xullo e 2 de setembro, cunha oferta de 1.125 prazas (de luns a venres, 752; na fin de semana, 373) nun total de 76 cursos, que abranguen de 6 a 20 prazas en función da disciplina deportiva en cuestión. 

Os cursos previstos están dirixidos ao conxunto da cidadanía, abarcando nenas e nenos (as idades varían en función das modalidades deportivas), mocidade e poboación adulta, sempre que cumpran dous requisitos: o primeiro, saber nadar; e, por outra banda, que as persoas participantes cumpran coa idade mínima requirida para cada un dos cursos e actividades que figuran na convocatoria, referida a que terán a 31 de decembro deste ano.

Ademais, as actividades previstas axudarán a poñer en valor o gran potencial de infraestruturas náuticas coas que conta A Coruña, facilitando oportunidades de aprendizaxe á cidadanía coa colaboración das entidades deportivas coruñesas.

O prazo de solicitude para as persoas interesadas, aberto desde hoxe

A Concellaría de Deportes deu luz verde este xoves ao prazo de inscrición para a segunda edición do programa 'Coruña no Mar', que estará aberto ata as 23.59 horas do vindeiro domingo 29 de maio. 

O formulario de solicitude está dispoñible aquí. No caso de que a persoa interesada non dispoña de medios telemáticos pódese chamar ao número de teléfono 981 189 800, ás extensións 25037 ou 25038, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

As vindeiras datas a ter en conta son as seguintes:

  • Listaxe provisional de solicitantes: 1 de xuño.

  • Prazo de correccións: 2 a 4 de xuño.

  • Listaxe definitiva de solicitantes: 6 de xuño.

  • Sorteo final: 7 de xuño.

  • Listaxe de persoas admitidas e en agarda: 13 de xuño.

  • Formalización de matrícula: 14 a 20 de xuño.

  • Movemento da listaxe de agarda: Desde o 21 de xuño.

A información completa sobre o proceso de inscrición, prazos e documentación requerida pode consultarse a través da ficha específica 'Coruña no Mar 2022'.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión