Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de setembro de 2022

Inés Rey: “Se sumamos os fondos Next e os IDAE, este Goberno municipal acadará 35 millóns de euros de Europa neste mandato”

O Concello da Coruña opta a 12 millóns de euros en axudas na segunda convocatoria dos fondos Next Generation

O Goberno municipal presenta 18 proxectos que aspiran a estas axudas, iniciativas nas que priman melloras de accesibilidade, mobilidade ou unha nova ampliación de BiciCoruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes os proxectos que o Concello presentará na segunda convocatoria de fondos europeos Next Generation. A previsión do Goberno municipal, de acadar ditas axudas, é levar a cabo un investimento de 12,2 millóns de euros. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.

O Concello presentará un total de 18 proxectos a esta convocatoria. Algúns dos obxectivos comúns destas iniciativas son a mellora da mobilidade, a accesibilidade nas rúas ou a instalación de novo mobiliario esencial. Tamén destaca unha nova ampliación do servizo de BiciCoruña. "Estas actuacións procuran a mellora da calidade de vida da cidadanía e repártense polos diferentes barrios da cidade", sinalou Inés Rey.

Inés Rey destacou cada unha das actuacións que se levarán a cabo en próximas datas na cidade e valorou a xestión do seu Goberno municipal para acadar estes fondos europeos. "Se conseguimos estas axudas e as sumamos aos 11 millóns mobilizados polo Concello na primeira convocatoria dos Next Generation, A Coruña acadaría  máis de 23 millóns nesta liña de subvencións", sinalou. Ademais, o executivo local tamén percibirá 12,6 millóns de euros do IDAE para a renovación integral da iluminación da cidade, o que sumaría un total de 35 millóns de euros da Unión Europea acadados neste mandato. "Se temos en conta a xestión que fixemos nestes tres anos e medio dos fondos Eidus, o meu Goberno municipal xestionará neste mandato máis de 45 millóns de euros", apuntou a rexedora.

A continuación, a listaxe dos proxectos que optan a esta segunda convocatoria dos fondos Next Generation da Unión Europea.

Mellora de accesibilidade na rúa Castiñeiros

Esta actuación conta cun orzamento de 200.000 euros e consistirá na creación dunha rampla que permita que esta rúa do Barrio das Flores e o acceso ás vivendas sexan 100 % accesibles. A actuación contempla tamén a creación dun novo acceso desde a avenida de Monelos.

Mellora de accesibilidade ao Centro Oncolóxico

Esta actuación busca mellorar os accesos peonís e en coche ao Centro Oncolóxico. Instalarase un firme accesible para a circulación peonil e melloraranse as condicións de seguridade para as persoas que accedan en vehículo privado e para ambulancias. Ademais, crearase unha parada de taxis que dará servizo ao hospital e renovarase o sistema de iluminación. Esta obra terá un orzamento de 411.000 euros.

Creación de escaleiras mecánicas en Adelaida Muro e Pintor Villar Chao

Estes proxectos aprobáronse xa en Xunta de Goberno Local e licitaranse proximamente, tal e como anunciou Inés Rey. Trátanse de melloras de accesibilidade nestas dúas rúas, onde a día de hoxe hai varios tramos de escaleiras. Os proxectos contemplan a instalación de escaleiras mecánicas, que suporán unha mellora no tránsito de viandantes. Actuarase tamén sobre o pavimento e dotarase a ambas as actuacións de novo mobiliario urbano. O orzamento é de 1,1 millóns de euros no caso de Adelaida Muro e de 433.000 no caso de Pintor Villar Chao.

Reurbanización da rampla do Matadoiro

Esta actuación, tamén anunciada, consistirá na ampliación das zonas peonís, a renovación de diferentes servizos municipais, a implantación de novas zonas verdes e a instalación de mobiliario urbano. O seu orzamento é de 548.000 euros. O obxectivo é mellorar o tránsito peonil e aproveitar ata o máximo o espazo para o seu uso por parte da cidadanía.

Melloras de accesibilidade entre Peruleiro e a rúa Barcelona

Esta actuación permitirá adaptar diferentes rúas desta zona á normativa actual de accesibilidade. A actuación comprende a totalidade das rúas Fanny Garrido e Julia Minguillón. Reurbanizaranse tamén varios tramos de Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo. A actuación vai en sintonía con outras levadas a cabo na cidade en materia de accesibilidade e terá un orzamento de máis de 600.000 euros.

Melloras de accesibilidade na cidade

Trátase dunha das iniciativas gañadoras dos Orzamentos Participativos e levaranse a cabo actuacións en tres puntos da cidade. Xa no Paseo das Pontes, no seu cruzamento coa avenida de Fisterra, estase a instalar unha nova parada de bus e facendo melloras nas beirarrúas. Por outra banda, instalaranse novos pasos peonís en Maxistrado Manuel Artime e na avenida da Concordia. O orzamento total é de 208.000 euros.

Reurbanización das rúas Cultura, Pintor Francisco Llorens e Pintor Joaquín Vaamonde

Estas dúas actuacións, que xa completadas, preséntanse nesta convocatoria co obxectivo de que retorne o investimento. O orzamento foi de 451.000 euros no caso das rúas Cultura e Pintor Francisco Llorens e de 197.000 euros no caso de Pintor Joaquín Vaamonde. Nestas actuacións, de novo, mellorouse a accesibilidade e renovouse o firme do conxunto das rúas e das súas seccións. Instalouse, en ambos os casos, novo mobiliario público e árbores.

Reurbanización das rúas San Mateo e Padre Sarmiento

Esta actuación suporá a creación dunha plataforma única na rúa e o incremento das zonas verdes e manterá a tendencia dos elementos que caracterizan ao parque de Santa Margarida. A actuación suporá un investimento de 833.000 euros e continuará expandindo o actual modelo de cidade, con prioridade para os peóns. 

Glorietas na avenida de Fisterra

Por outra banda, inclúense tamén nesta segunda convocatoria para os fondos Next Generation as dúas glorietas proxectadas para o parque empresarial de Agrela, na avenida de Fisterra. Localizaranse nos cruzamentos das rúas Gambrinus e Gutenberg. O orzamento de cada unha das actuación será de 390.000 euros. Entre os obxectivos que busca o Goberno de Inés Rey con estas novas glorietas está a mellora da seguridade viaria, ademais de repercutir tamén na fluidez do tráfico na contorna do polígono industrial.

Reurbanización de Pla y Cancela

Melloraranse as condicións de accesibilidade en Pla y Cancela. Esta actuación complementará á xa executada na glorieta entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo. Ampliaranse as beirarrúas e crearanse novas zonas verdes. O orzamento da actuación é de 1,1 millóns de euros.

Reordenación do cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís

Implantarase unha glorieta e melloraranse as condicións de accesibilidade. Actuarase tamén sobre o firme de toda a contorna e plantaranse novas árbores. Esta actuación terá un orzamento de 193.000 euros.

Urbanización da avenida da Sardiñeira

Investirase 1,8 millóns na urbanización desta avenida, como xa anunciou con anterioridade Inés Rey. A modificación máis notoria será a creación dunha rotonda que conectará a Sardiñeira coa avenida de Arteixo. A actuación contempla outras novidades para a avenida, como un carril bici bidireccional, a implantación do sentido único na rúa Europa e a modificación da intersección coa rolda de Outeiro. Os traballos complementarán aos que se realizarán para a creación da estación intermodal.

Reurbanización da praza Pintor Laxeiro

Renovarase o pavimento deteriorado, reorganizanse as diferentes seccións da rúa e incrementaranse as zonas verdes e, en definitiva, levarase a cabo unha mellora estética xeral da praza. O orzamento ascende a 400.000 euros.

Reforzo da sinalización de pasos de peóns

Outra das actuacións globais que que levará a cabo o Goberno de Inés Rey será a instalación de novos sinais para os pasos de peóns. Serán sinais luminosos con placas solares. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e investiranse 250.000 euros.

Mellora de accesibilidade nas paradas de autobús

Continúa a mellora das paradas do autobús, como se vén realizando neste mandato. Adaptaranse 11 novas paradas ás necesidades de todas as persoas usuarias. A maioría estarán situadas na zona dos Castros, Castrillón e Eirís, mais haberá tamén melloras en Monte Alto ou Catro Camiños. A actuación ten un orzamento de 694.000 euros.

Ampliación de BiciCoruña

Por último, investiranse tamén 2 millóns de euros na ampliación do servizo de BiciCoruña, que está a ser todo un éxito tras a súa renovación neste verán, tal e como apuntou a rexedora. Esta será unha ampliación das 55 estacións previstas na actualidade e que xa se están a instalar en zonas como Os Rosales ou Cidade Escolar. Esta partida destinarase a novas estacións, a electrificar bicicletas que na actualidade son mecánicas e á compra de novas bicicletas eléctricas.

Documentos:

2022-09-27-PRESENTACION-Fondos-Next-Generation.pdf (7 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión