Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xuño de 2022

Unha aplicación móbil permitirá aos usuarios das praias reportar calquera incidente acurtando así os tempos de resposta

O Concello da Coruña reforza o servizo de socorristas dando servizo por primeira vez á zona de baño do Parrote

Durante este verán, e cinco días á semana, desenvolveranse actividades orientadas a que nenas e nenos en idade de 4 a 14 anos se formen en técnicas de salvamento deportivo

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, presentou hoxe o dispositivo que velará pola seguridad durante a tempada de praias, que comezará este mércores, 15 de xuño e que terá unha duración de tres meses e rematará o vindeiro 14 de setembro.

Juan Ignacio Borrego e o director da Área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, explicaron os detalles do plan municipal de vixilancia e prevención, que contará cun dispositivo reforzado de 32 efectivos -dous máis que o ano pasado-, entre socorristas, patróns e técnicos de ambulancia. A maiores, o Concello disporá 200 horas adicionais de servizo, para reforzalo segundo as necesidades.

Neste sentido, as persoas socorristas estarán distribuídas entre oito enclaves: Riazor, Orzán, Matadoiro (18 socorristas, ademais da persoa coordinadora); praia das Lapas (2); Santo Amaro (3); Oza e a punta de Santa Cristina (6); e a nova zona de baño no Parrote, que abrirá ao público este mércores despois de que o persoal municipal rematase a semana pasada os traballos de balizamento e mellora nos accesos. A nova zona de baño do Parrote, impulsada polo Goberno de Inés Rey, estará localizada xunto ao espigón e forma un rectángulo paralelo ao paseo peonil cunhas medidas aproximadas de 150 metros de ancho e 50 metros de longo. Dous socorristas vixiarán o lugar durante a tempada de baño, e haberá dispoñible unha moto de auga e unha ambulancia na zona.

Tres motos acuáticas 

Nesta nova tempada de praias no termo municipal da Coruña, as persoas socorristas e patróns contarán con tres motos acuáticas e tres táboas de rescate; e o servizo de ambulancia, composto por persoal condutor, médico e enfermeiro, dunha radio e teléfono de comunicación co resto do equipo de salvamento. Neste sentido, o dispositivo de comunicación entre os efectivos abrangue unha emisora por cada socorrista que estea traballando e unha emisora de canle náutica para cada embarcación e posto.

Ademais, cada punto de vixilancia do persoal de salvamento e socorrismo contará co material sanitario necesario para atender a cidadanía.

Formación en salvamento acuático para rapazas e rapaces

De cara a esta tempada de praias, e como novidade, o Concello da Coruña, a través dun acordo coa Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), adhírese ao Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade, para promover actividades formativas en salvamento acuático entre nenas e nenos en idade de 4 a 14 anos.

O plan de actividades, que se levarán a cabo entre o 20 de xuño e o 15 de setembro, levarase a cabo nas praias de Riazor, Orzán e San Amaro, en espazos controlados onde as nenas e nenos poderán achegarse ás técnicas de socorrismo e coñecer polo miúdo os procesos de adestramentos do persoal de vixilancia, tanto en terra como en auga. 

As sesións levaranse a cabo de luns a venres, distribuídas en catro sesións de hora e media cada unha (11.00 a 12.30; 13.00 a 14.30; 16.00 a 17.30; e 18.00 a 19.30). As localizacións dispoñibles, por días, son as seguintes:

  • Praia de Riazor: Luns a venres.
  • Praia do Orzán: Luns, mércores e venres.
  • Praia de San Amaro: Martes e xoves.

As actividades, orientadas ao gozo das rapazas e rapaces, serán tanto individuais como colectivas, e adaptaranse en función das necesidades e as características do alumnado segundo as súas idades e capacidades.

A inscrición nas sesións poderá realizarse a través da web da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga).

Nesta tempada de praias habilitarase, ademais, unha canle de comunicación directa entre bañistas e socorristas a través da aplicación CEUS App.

Esa mesma aplicación permitirá aos usuarios das praias reportar directamente calquera incidente que aconteza na súa contorna, acurtando así os tempos de resposta dos profesionais de emerxencias. 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión