Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xullo de 2022

O Concello e a Deputación da Coruña renovan o convenio de colaboración para o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas da violencia machista

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración, nun acto no que tamén estiveron presentes a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, e a deputada de Igualdade, María Muíño

O Concello e a Deputación da Coruña manteñen, outro ano máis, a súa colaboración no financiamento dos gastos de mantemento da casa de acollida e de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres que sofren violencia de xénero, reforzando así un servizo social esencial.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega este ano 120.926,27 euros, o 27,54% dos gastos de mantemento destes espazos que dan atención ás vítimas da violencia de xénero e ás e aos menores dependentes delas. Ao acto asistiron tamén a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, e a deputada de Igualdade, María Muíño.

A casa de acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e constitúen un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero, así como para os e as menores ao seu cargo. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable, recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica, así como apoio para a súa reinserción laboral.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou que a firma dos catro convenios rubricados hoxe permite a mellora da calidade na atención social da cidade: "É fundamental que as administracións colaboremos para dotar dun mellor servizo á cidadanía, especialmente naqueles espazos e servizos dirixidos aos colectivos máis vulnerables como a Casa de Acollida e o Fogar Infantil Fernando Romay". "Con estes convenios reforzamos o noso compromiso co atención social na cidade, ampliando a calidade dos servizos de catro centros claves para o desenvolvemento social e educativo da Coruña".

Valentín González Formoso tamén lembrou que, neste sentido, a Deputación "tamén colabora no financiamento do Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña, que dá servizo a menores en situación de desamparo ou de marxinación que, por diferentes causas, non poden ver cubertas todas as súas necesidades na súa propia familia".

Cesión dos pavillóns da Deputación na Coruña

Inés Rey e Valentín González Formoso tamén rubricaron hoxe a firma dos convenios polos que a Deputación da Coruña cede ao Concello da Coruña, ata o mes de xuño do ano 2023, o uso dos pavillóns polideportivo do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera para que o Concello poida levar a cabo nestes espazos as actividades deportivas municipais.

Este acordo non interferirá co funcionamento habitual dos centros educativos xa que se establece un horario de ocupación das instalacións de 18:30 a 00:00 horas, de luns a venres, para o pavillón do IES Rafael Puga Ramón e desde as 19 horas para o IES Rosalía Mera. Durante a fin de semana non haberá limitacións sempre que a actividade non resulte incompatible coas dos institutos. Ademais, o persoal municipal designado polo Concello encargarase de cumprir os protocolos de uso deportivo e limpeza das instalacións vixentes en cada momento.

Os pavillóns polideportivos do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera contan cunha pista cuberta que dispón de sinalización con dimensións regulamentarias para a práctica de deportes como voleibol, baloncesto, balonmán, fútbol sala e tenis.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión