14 de xaneiro de 2025
A Oficina Virtual do Grafiti realizou 2.334 actuacións nos barrios
O Concello da Coruña mantivo en 2024 a súa loita contra as pintadas e os grafitis que afean as rúas da cidade. A Oficina Virtual do Grafiti (OVG) realizou un total de 2.334 actuacións o pasado ano. Cada intervención supuxo a retirada de entre tres e catro pintadas, co que o número total de grafitis retirados supera os 9.300 cunha media de 25 ao día. O total de pintadas retiradas desde a posta en marcha da OVG en 2021 ascende a 40.000.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o traballo realizado e a importancia da participación cidadá. "É fundamental avanzar na consolidación das zonas limpas e para iso contamos coa colaboración da cidadanía, que ten claro a canle de denuncia para retirar as pintadas", explicou a rexedora. "Á caixa de correos da OVG chegaron o ano pasado máis de 300 reclamacións por pintadas e grafitis non autorizados que adoitan atenderse en menos de 48 horas", agregou.
A OVG puxoa en marcha en xuño de 2021 o Goberno de Inés Rey cunha planificación por distritos que se está estendendo de forma progresiva a todos os barrios. Os traballos comezaron na zona centro e avanzaron cara aos Distritos 10, 9 e 8, con limpezas puntuais en zonas estratéxicas ou con motivo de eventos no espazo público. Ademais, no caso de pintadas con mensaxes que inciten á violencia ou ao odio, ou con mensaxes que atenten contra os dereitos fundamentais, procédese a unha limpeza inmediata en canto son detectadas.
En 2024, o traballo centrouse na consolidación de zonas limpas e avanzouse na contorna de Ramón y Cajal, Avenida de Oza e A Gaiteira. A alcaldesa lembrou que, ademais da retirada de pintadas, desde a OVG séguese traballando con expertos grafólogos para identificar as persoas autoras e sancionarllas. Outro dos obxectivos que ten a Concellaría de Medio Ambiente para este ano é finalizar un inventario de paredes libres da cidade para que poidan acoller grafitis de valor artístico ou social.
16 de febreiro de 2025
13 de febreiro de 2025
13 de febreiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible