Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xullo de 2024

O Concello encarga a Valoriza a recollida de lixo durante a emerxencia sanitaria

A empresa comezará a traballar ao longo do día da mañá nas rúas da cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a segunda Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria ante o conflicto no servizo de recollida de lixo. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ademais de técnicos municipais das diferentes áreas.

Esta comisión ten por obxectivo coordinar a emerxencia sanitaria declarada na cidade así como analizar o estado actual da recollida de lixo e o seguimento dos actos vandálicos que se están a producir. A Comisión de Seguimento reunirase diariamente e dará conta dos avances que se produzan. 

Incidencias 

Na tarde do martes houbo un incendio que afectou a varios contedores na rúa Londres. A queima intencionada, sofocada polos bombeiros, tivo lugar moi cerca dun hospital e na contorna dos contedores había material inflamable, co conseguinte risco para as persoas. Durante a noite non se produciu ningunha queima. Segundo os últimos recontos, arredor de 125 contedores foron queimados nas últimas semanas, cun custo total aproximado de 375.000 euros.

Proceso de contratación da empresa 

O Concello vén de encargar a Valoriza a recollida de lixo nas rúas da Coruña durante a emerxencia sanitaria. Hoxe finalizou, ás 10.00 horas, o prazo de presentación de ofertas para acometer dito servizo. Entre as dúas ofertas presentadas Valoriza foi a seleccionada dado que, entre outros requisitos, contaba cos medios para comezar o servizo de forma inmediata. A empresa comezará a traballar nas rúas da cidade ao longo do día de maña.

A compañía aportará un mínimo de 13 vehículos e 32 operarios para abordar os traballos, que comezarán polos puntos identificados con maior acúmulo de residuos e nos lugares máis sensibles, como na contorna dos centros de saúde. A compañía prestará servizo mentres dure a actual situación e non finalice a emerxencia sanintaria, cuxo decreto asinou a alcaldesa este luns e do que se deu conta tamén hoxe na Xunta de Goberno Local.

Porcentaxes de recollida por zonas da pasada noite

  • Monte Alto: 10%

  • Cidade Vella: 25%

  • Pescaría: 100%

  • Os Rosales - Labañou: 10%

  • Riazor: 15%

  • Ventorrillo - Agra do Orzán: 25%

  • Sagrada Familia: 10%

  • Sardiñeira - Elviña: 15%

  • Os Mallos: 20%

  • O Castrillón: 20%

  • Os Castros: 10%

  • Matogrande - Eirís: 10%

  • Mesoiro - Feáns - Valaire: 25%

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión