Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de decembro de 2022

Un equipo investigador conxunto analizará a viabilidade e os trámites necesarios para a creación desta entidade, froito do acordo entre o Goberno local e a Marea Atlántica

O Concello encoméndalles ás universidades da Coruña e Santiago o estudo para a creación dun operador enerxético municipal

O obxectivo do operador será acadar maiores cotas de benestar social dentro do actual contexto de transición enerxética

A alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá un convenio coas universidades da Coruña e Santiago para realizar un estudo sobre a viabilidade e os trámites necesarios para crear un operador enerxético municipal. Os reitores da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e da Universidade de Santiago, Antonio López, asinaron o acordo por parte das universidades. Trátase dunha medida que forma parte do acordo entre o Goberno local e a Marea Atlántica, para impulsar novas políticas enerxéticas no marco da aprobación dos orzamentos municipais de 2022.

O acordo ten por obxecto analizar a viabilidade e os trámites necesarios para a creación da nova entidade, que permitirá acadar maiores cotas de benestar social, contribuír a mitigar o cambio climático e reducir as situacións de pobreza enerxética, dentro do actual contexto de transición enerxética vinculado aos obxectivos da Axenda 2030. O Goberno de Inés Rey xa estableceu na súa Axenda Urbana a necesidade de loitar contra a pobreza enerxética, así como fomentar o autoconsumo e a disposición de enerxía accesible e non contaminante.

O 3 de decembro do 2021, o Pleno do Concello aprobou un acordo de impulso á creación dun operador enerxético municipal, así como o encargo a Emalcsa da creación dun mapa das enerxías renovables. Para este fin, incluíuse no Orzamento municipal deste 2022 unha partida que permitise a realización deste estudo encargado á UDC e USC. O obxectivo é contar co mellor coñecemento experto dispoñible, dada a escaseza de experiencias existentes en materia de implantación de operadores eléctricos municipais. Todos estes avances leváronse a cabo grazas á colaboración entre o Goberno municipal e o grupo da Marea Atlántica.

"Os equipos de ambas universidades achegarannos os seus coñecementos en innovación e o seu asesoramento xurídico e legal para establecer o papel do Concello da Coruña no actual contexto enerxético global", sinalou a alcaldesa tras o acto de sinatura do convenio. Nese sentido, o convenio establece que ambas universidades deberán establecer un contexto regulatorio amplo, identificando o encaixe deste novo operador na lexislación actual. Tamén deberán determinar as posibles funcións do operador, como poden ser a xeración propia de enerxía, a adquisición de electricidade no mercado grosista ou a subministración de electricidade para autoconsumo municipal ou de terceiros. As universidades constituirán un equipo de investigación conxunto formado por persoal experto en Dereito Administrativo e Economía Financeira.

"Continuamos avanzando cara a unha Coruña máis sostible e xusta. Desde o Goberno municipal actuamos atendendo ao actual contexto enerxético e económico para mellorar a vida dos coruñeses e das coruñesas", engadiu Inés Rey.

Pola súa banda, a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, celebra este paso adiante cara á constitución dun operador enerxético municipal, "nun camiño que ten que seguir con fomento das enerxías renovables, coa atención á veciñanza e do emprego no sector, cunha aposta clara pola soberanía enerxética e a loita contra o cambio climático desde o ámbito municipal".

Iniciativas en renovables

O Concello da Coruña deu pasos relevantes en materia de transición enerxética e renovables. Un exemplo das ditas políticas son os sistemas de coxeración nas plantas de Nostián e a Edar Bens, que produce biogás grazas ao tratamento dos residuos que chegan á planta, e é a primeira estación depuradora de España en producir gas de uso comercial. Ademais, a EDAR ten tamén en marcha un programa para a produción de hidróxeno verde.

Ademais, o Goberno de Inés Rey está a licitar unha auditoría e certificación enerxética dos edificios e dependencias municipais, e por outra banda, xa se está a executar a monitorización enerxética de edificios da cidade, co financiamento a través do programa europeo EIDUS.

En materia de eficiencia enerxética o Concello está a executar a substitución da práctica totalidade das lámpadas públicas da cidade, actuación que se está a levar a cabo grazas a un investimento de 12,6 millóns de euros procedentes de fondos europeos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión