4 de outubro de 2026
A final nacional terá lugar o próximo 12 de novembro en Alcoy, e incluirá iniciativas de toda España que, desde diferentes ámbitos, impulsaron o benestar e a creación de oportunidades coa axuda de fondos europeos
O programa do Concello Coruña Suma quedou finalista do concurso nacional "Europa Se Siente" 2026, impulsado polo Ministerio de Facenda a través da Secretaría Xeral de Fondos Europeos tras terminar o período de votación entre os proxectos máis elixidos polas persoas usuarias.
Esta iniciativa estatal ten o obxectivo de promover e poñer en valor programas e accións en toda España que, coa axuda da financiación da Unión Europea, promoven o benestar e a creación de oportunidades en moi diferentes ámbitos -sociais, culturais, infraestruturas, innovación, sostibilidade e outros-. Coruña Suma, desenvolvido polo Concello ata 2023, foi un dos proxectos máis importantes dos últimos tempos na cidade en materia de inserción e inclusión laboral.
"Estamos moi orgullosos do que fixemos con Coruña Suma, que é algo que seguimos a facer con outros programas como Éfeso e outras moitas iniciativas de apoio á cidadanía, buscando dar novas oportunidades laborais e formación de primeiro nivel atendendo as necesidades do mercado actual", subliñou o concelleiro Juan Ignacio Borrego.
O Concello participou na categoría "Europa Se Siente: Social", cun total de 9 proxectos. Os tres máis votados irán agora á final, que terá lugar en Alcoy o próximo 12 de novembro, na que os responsables deberán facer unha defensa presencial da súa iniciativa.
Coruña Suma
O proxecto Coruña Suma, posto en marcha polo Goberno de Inés Rey e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, naceu co obxectivo de mellorar a inclusión social e laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social na cidade. Entre 2018 e 2023, esta iniciativa desenvolveu itinerarios integrados e personalizados de inserción sociolaboral, combinando orientación laboral, formación especializada, prácticas en empresas e acompañamento individualizado.
A través do traballo coordinado entre os servizos municipais, entidades sociais e empresas colaboradoras, o proxecto atendeu a máis de 4.800 persoas e ofreceu orientación laboral personalizada a 3.523 participantes pertencentes a colectivos vulnerables, como persoas desempregadas de longa duración, inmigrantes, maiores de 55 anos, mulleres en situación de vulnerabilidade ou persoas con discapacidade. Esta actuación desenvolveuse especialmente en barrios con maiores índices de desemprego e desigualdade social, reforzando o traballo de proximidade e a atención directa á cidadanía.

6 de outubro de 2026

1 de outubro de 2026

30 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible