23 de outubro de 2023
O persoal do Centro Integral de Mobilidade finalizou este luns os traballos para a regulación semafórica do cruzamento, creado para facilitar o paso das e dos peóns, e promover o calmado do tráfico rodado na contorna
Este luns abriuse á circulación un novo paso peonil elevado na avenida de Arteixo, situado á altura do cruzamento coa rúa Enciclopedia Francesa. Desta forma, o Concello avanza no seu plan para mellorar as conexións peonís entre o barrio dos Mallos e o parque de Vioño.
A intervención, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana, dá resposta a unha demanda veciñal. As obras comezaron a finais de xullo, e implicaron a renovación xeral do pavimento e os accesos á beirarrúa, así como a elevación da vía de circulación rodada co obxectivo de dar forma ao novo paso peonil e, así, contribuír ao calmado do tráfico nun enclave onde o tránsito de vehículos é habitual.
Ademais, remodelouse un pequeno treito da medianeira vexetal que separa ambos os sentidos de circulación da avenida de Arteixo -sen afectar ao arboredo existente-, para crear unha illa con pendente accesible na intersección central do paso peonil.
Neste sentido, tanto nos accesos ao paso peonil -nivelado á escala da beirarrúa- como na intersección central tamén se dispuxo un pavimento diferenciado con lousas podotáctiles, unha superficie en relevo que facilita a orientación das persoas invidentes.
O novo paso peonil habilitouse este luns tras completarse os traballos de regulación semafórica executados desde o Centro Integral de Mobilidade (CiMob), coa activación dos novos báculos instalados no cruzamento.
23 de outubro de 2023
9 de outubro de 2023
5 de outubro de 2023
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible