Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de decembro de 2021

O Concello impulsa a reforma do Paseo Marítimo e outros proxectos que suman investimentos por valor de 7,6 millóns de euros

O pleno acorda a posta en marcha de iniciativas no ámbito enerxético para fomentar o emprego de renovables e para ofrecer alternativas sociais a persoas con menos recursos

O Concello da Coruña impulsará a execución de seis proxectos financiados con fondos europeos Eidus: o plan de humanización e naturalización do paseo marítimo, con máis de 2,1 millóns de euros de orzamento, a creación e posta en marcha de hortos urbanos, o establecemento dun sistema de información de calidade ambiental, a remodelación da funcionalidade dos mercados, a reforma do centro cívico do Birloque e a creación da aula TIC. 

O Goberno municipal vén de aprobar en pleno o modificativo que permitirá achegar á parte municipal a ditos investimentos, permitindo así a próxima licitación da reforma do Paseo Marítimo e o impulso ao resto dos traballos. Os proxectos Eidus que se porán en marcha suman 6.290.000 euros.

O modificativo, acordado coa Marea Atlántica, permitirá tamén afrontar o pagamento de axudas á rehabilitación na Cidade Vella e Peixaría e tamén nas coñecidas como Casas de Franco e Vivendas de María Pita. Para ditas axudas destinaranse 1,3 millóns de euros.

Os investimentos municipais previstos no modificativo suman 1.435.597 euros, cantidade da que tamén procederá a achega municipal precisa para a mellora prevista no Parque Municipal de Bombeiros.

"Son actuacións relevantes e que non podemos nin debemos pospoñer co fin de ter en marcha canto antes ditas actuacións", indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

O Goberno municipal aprobou, tamén de xeito consensuado coa Marea Atlántica, a proposta para impulsar unha gobernanza responsable en materia enerxética. Mediante dita medida, indicou Lage Tuñas, o Concello elaborará un Mapa das Enerxías Renovables que analice as potencialidades de xeración de enerxía renovable no Concello da Coruña. Ademais, abrirá unha Oficina da Enerxía que preste asesoramento en cuestión de tarifas, aforro, eficiencia e protección de persoas en situación de vulnerabilidade. Ditas iniciativas serán encargadas á empresa pública municipal EMALCSA.

"En relación ao contrato de renovación do alumeado público que aprobamos na última xunta de goberno, engadimos o compromiso de que a enerxía consumida na cidade proveña exclusivamente de fontes de  xeración 100% renovables", indicou Lage Tuñas.

O pleno acordou tamén impulsar un operador  enerxético  municipal, unha iniciativa económica enmarcada no contexto da  transición enerxética e o cambio climático como requisito previo para a súa posta en marcha. 

Finalmente, o Goberno municipal creará unha comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico, que terá por obxecto redactar unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do operador enerxético.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión