6 de outubro de 2026
A mostra recolle a historia e o desenvolvemento do festival, un evento clave da cultura tradicional, a través de pezas orixinais
O Concello inaugurará o próximo xoves, 8 de outubro, ás 19.30 horas na sala Salvador de Madariaga, a exposición "Teño que cantar", que conmemora as 20 edicións do Ciclo de Coros. Este festival sitúase como o epicentro da cultura tradicional na Coruña durante o outono. Polos seus escenarios pasaron, ao longo da súa traxectoria, os coros históricos de Galicia, os grupos folclóricos máis destacados e unha parte fundamental das manifestacións culturais da tradición oral do país: regueifeiras, grupos folk, grupos de teatro...
"No Goberno de Inés Rey temos moi clara a nosa tarefa de promover a nosa identidade. O facemos con propostas como esta exposición, que achegan e celebran a traxectoria da nosa tradición artística en todas as disciplinas", apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Organizada por Cántigas da Terra, a exposición recolle o desenvolvemento deste evento emblemático e a súa profunda vinculación co tecido asociativo e musical galego. A mostra reúne pezas e documentos orixinais conservados nos arquivos das históricas agrupacións que participaron edición tras edición: o Real Coro Toxos e Froles, a Coral De Ruada, Cantigas e Agarimos e a propia entidade organizadora.
Así mesmo, a exposición amosa o legado e a memoria das principais agrupacións de música tradicional e corais da cidade que formaron parte das primeiras edicións do festival. En conxunto, a mostra transfórmase -ao xeito do propio Ciclo- nunha sorte de memoria musical e visual de Galicia e da cidade, ofrecendo ao público un patrimonio orixinal de incalculable valor histórico.

12 de novembro de 2026

30 de outubro de 2026

15 de outubro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible