6 de outubro de 2026
A actuación dálle resposta a unha solicitude da veciñanza e busca mellorar a seguridade do parque para os nenos e nenas
O Concello comezou os traballos para a substitución do chan de area da zona infantil da praza da Concordia, que pasará a ser de caucho. Esta actuación responde a unha demanda veciñal, e permitirá que nenos e nenas que fan uso destas instalacións poderán xogar con máis seguridade.
Por iso, está a levarse a cabo un revestimento completo do parque e a súa contorna cun proxecto que se concretou en conversa co ámbito veciñal. A intervención está englobada dentro do plan xeral do goberno de Inés Rey para mellorar, renovar e ampliar a rede de áreas infantís na cidade.
"O noso traballo nas áreas infantís está a ser intenso e coordinado, antendendo a todas as zonas da cidade e levando aos barrios unha oferta lúdica para os nenos e nenas que non sexa soamente ampla e moderna, senón que sexa tamén segura. Damos resposta a isto con actuacións coma a da praza da Concordia que son fundamentais para o día a día das familias da zona", apuntou o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
Máis de 100 actuacións
Desde o ano 2021, o Concello puxo en marcha máis dun cento de actuacións nas áreas infantís da cidade, tanto para renovar as xa existentes como para crear outras novas. Exemplo disto é o novo espazo en construción na praza de Portugal, que supón un investimento 1,3 millóns de euros que levará elementos de xogo e de lecer a unha zona icónica da cidade, moi preto ao estadio de Riazor. Ou o parque cuberto do Ventorrillo, tamén en marcha e cun investimento municipal que supera o millón de euros. Ademais, recentemente foron adxudicadas por máis 374.000 euros as obras de remodelación da área infantil da praza de Pontevedra.
Estas actuacións fanse en coordinación co Plan de Barrios 2025-2027, que xa mobilizou máis de 90 millóns de euros en investimentos na cidade en moi diversos ámbitos de mellora, e responden a unha planificación urbana que permite transformar todas as zonas a través dos recursos municipais. Ademais, no campo das áreas infantís, foi recentemente adxudicado o novo contrato de mantemento por 2,7 millóns de euros, que implica a revisión, reparación e mellora constante de todos os recintos, e que actuará nun total de 223 espazos repartidos pola cidade.

10 de novembro de 2026

8 de novembro de 2026

7 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible