Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de decembro de 2019

O Concello intervén temporalmente a concesión da xestión da planta de Nostián

A alcaldesa asegurou que a decisión está motivada por incorrer Albada nunha infracción de carácter grave ao poñer en perigo a boa prestación do servizo público

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe en rolda de prensa a decisión de intervir a concesión do servizo de xestión de tratamento de residuos da planta de Nostián. Inés Rey asegura que que toma esta decisión co fin de garantir os postos de traballo e a xestión deste servizo. "Trátase con este acordo de evitar tres crises ás que nos podía abocar a situación xerada: unha crise ambiental, que podería provocar desaxustes graves na recollida do lixo nunhas datas sensibles como as do Nadal, ademais dos posibles problemas ecolóxicos e monetarios cos rexeitamentos; unha crise económica, posto que está en perigo a viabilidade da planta; E unha crise laboral, xa que se perderían 40 postos de traballo".

Rey deu conta do acordo da Xunta de Goberno Local desta mañá motivado pola decisión unilateral da empresa Albada de modificar sen autorización municipal as condicións de prestación do servizo, que se nega a xestionar os residuos do Consorcio das Mariñas. Isto xera de forma artificiosa o ERTE que lle afecta a un 40 % do persoal traballador, ao decidir non prestar desde esa planta municipal de Nostián o servizo que lles viña efectuando aos concellos do Consorcio das Mariñas, co consentimento e autorización do titular do servizo, o Concello da Coruña, único que podía autorizar esa decisión empresarial, como administración competente do servizo.

Segundo o informe dos servizos xurídicos municipais, este incumprimento por parte de Albada compromete seriamente a viabilidade da planta de Nostián, ao lle afectar gravemente ao interese público, ao constituír o tratamento do lixo un servizo esencial para a comunidade. Neste sentido, apuntan a que esta intervención temporal da Planta de Nostián está motivada por incorrer Albada nunha infracción de carácter grave ao pór en perigo a boa prestación do servizo público, incluída a desobediencia a ordes de modificación. Este feito permítelle á administración declarar en secuestro a concesión, co fin de asegurar aquel provisionalmente.

Así, será o Concello quen asuma a dirección da planta e servizo que se presta "ante esta perturbación grave e temporal do servizo que é obxecto de concesión". O Concello encargarase directamente do funcionamento do servizo e da percepción dos dereitos establecidos e utilizará para iso o mesmo persoal e material do concesionario, sen que poida alterar as condicións da súa prestación. Ademais, a Corporación designará un interventor técnico que substituirá plena ou parcialmente os elementos directivos da empresa. A explotación efectuarase por conta e risco do concesionario a quen se lle entregará, ao finalizar a intervención, o saldo activo que resultar unha vez satisfeitos todos os gastos, incluso o salario do interventor.

Deste xeito, o Concello adoptará as decisións necesarias para continuar coa prestación do servizo, tratando os residuos do Consorcio e deixando sen efecto o ERTE. Necesariamente, a medida de intervención está limitada temporalmente, é dicir, ata que desapareza esa perturbación grave e non reparable por outros medios, que no acordo proposto estableceron os servizos xurídicos e técnicos, de acordo coa regulación legal, en 8 meses.

O obxectivo será restablecer a situación de prestación do servizo. Para isto, o Concello asumirá  as potestades organizativas na Planta de Nostián, co fin de manter o servizo nas condicións de continuidade, regularidade e calidade adecuadas, xunto co interese xeral. Esta situación, que foi afectada pola decisión unilateral de Albada de non cumprir as súas obrigacións co Consorcio das Mariñas a partir do 1 de xaneiro de 2020 e que provocou que o 11-12-2019 se comunicase un ERTE que xerou a propia concesionaria voluntariamente incumprindo instrucións expresas tanto do Concello como do Consorcio, xerou o conflito laboral, ao iniciaren as persoas traballadoras unha folga desde o 8 de decembro na propia planta.

A decisión de Albada supón na práctica, ademais do incumprimento contractual, convencional e legal, a futura inviabilidade da propia planta. A dita situación, segundo Rey, non pode ser permitida polo Concello, xa que supón que o 1 de xaneiro de 2020 a Planta de Nostián non poida funcionar, con imposibilidade de prestación do servizo. O dano ao interese público e especificamente á salubridade e seguridade cidadá e máis aínda na época do Nadal é evidente.

O acordo da Xunta de Goberno Local concede  á UTE Albada, previamente a se adoptar o acordo de intervir temporalmente a Planta de Nostián, e tamén o prazo de tres días hábiles para que cese na súa decisión de incumprir o convenio asinado co Consorcio das Mariñas e deixa sen efecto o ERTE que está en tramitación; e para que realice, se ao seu dereito convén, as manifestacións que considerar oportunas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión