Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de setembro de 2021

O Concello inviste preto de 400.000 euros na actualización dos centros de ensino da cidade

Os edís de Educación e Seguridade Cidadá, Jesús Celemín e Juan Ignacio Borrego, acoden ao centro de ensino Víctor López Seoane no arranque do curso escolar. A Policía Local establece un dispositivo especial para regular as entradas e saídas en once colexios.

Os centros de ensino da cidade están listos para o inicio do curso escolar tras a actualización realizada polo Concello durante os meses de verán. O Concello investiu preto de 400.000 euros en reforzar os traballos de conservación e mantemento dos colexios. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, que, acompañado do edil de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, acudiu á apertura do curso escolrar no centro Víctor López.

Celemín lembrou o compromiso e a aposta do Goberno local de Inés Rey co ensino público e coa mellora das instalacións municipais para garantir unha educación de calidade ao alumnado da cidade. O edil tamén destacou o labor desenvolto polo equipo directivo do centro e o profesorado ao adaptar as medidas de seguridade necesarias para evitar contaxios.

Durante os meses de verán, e tras manter distintas reunións coas directivas dos colexios, realizáronse diversos traballos. Entre eles, a reparación da estrutura metálica do patio do CEIP Cidade Vella e a instalación de firme de cortiza no patio exterior do centro José Cornide Saavedra. Retirouse tamén a marquesiña exterior do colexio Labaca e reformouse a fachada exterior do Raquel Camacho. Ademais, cambiáronse os paneis de policarbonato na cuberta do colexio Rosalía de Castro, e arranxáronse os problemas de filtracións na zona da biblioteca. No CEIP Sagrada Familia instalouse unha nova porta na entrada principal do centro; no colexio San Francisco Javier colocáronse luces e megafonía no patio, e no Sanjurjo de Carricarte arranxouse a pista azul. Por último, rehabilitouse a cuberta da escola infantil Luís Seoane e pintáronse as aulas do edificio de educación infantil do Salgado Torres.

Doutra banda, ao longo destes meses realizáronse máis de 300 intervencións en labores de mantemento cun orzamento de 26.556 euros. O arranxo da instalación de lámpadas do patio do CEIP Labaca e o  cambio de luces no patio interior de Educación Infantil do colexio Salgado Torres son ás máis destacadas.

DISPOSITIVO NAS ENTRADAS E SAÍDAS DOS CENTROS

Doutra banda, o edil de seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, sinalou que, como o ano pasado, o Concello restablece un dispositivo especial para reforzar a seguridade nas contornas dos colexios da cidade. Así, a Policía local regulará as entradas e saídas dos centros para facilitar o acceso ao profesorado e ao alumnado. Ademais, desde a área de Urbanismo estase a traballar nos camiños escolares seguros co fin de fomentar que o alumnado se desprace andando ou en bicicleta de forma autónoma, e así recuperar a cidade como un espazo de convivencia amigable e seguro. Estes días estase a mellorar a visibilidade nos pasos peonís na rúa Fernando Macías e na praza de Antón Tenreiro Rodríguez.

 O dispositivo, dixo, será similar ao realizado en anos anteriores, tendo en conta circunstancias como a contorna do centro, existencia de elementos de sinalización, seguridade e regulación do tráfico, número de escolares que asisten, accidentes que se produciron na contorna escolar durante o pasado ano relacionados con atropelos a escolares etc... Dous axentes da Policía Local regularán o tráfico en cada un dos once centros que contarán con este servizo: Víctor López Seoane, Grande Obra de Atocha, Calasancias, Sal Lence,  Salesianos, Compañía de María, Fogar de Santa Margarida, Esclavas, Liceo la Paz, Franciscanas e Peñarredonda

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión