Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de xaneiro de 2021

O Concello mellora o mobiliario urbano en todos os barrios coa instalación de case 150 bancos

Os novos elementos propiciarán a convivencia entre as e os veciños nunha aposta por crear espazos públicos de calidade

O Concello, a través do Servizo de Infraestruturas, finalizou estes días a instalación de 129 bancos de madeira que mellorarán os equipamentos públicos de todos os barrios da Coruña e facilitarán a mobilidade e o lecer da cidadanía. O aumento das zonas de descanso propiciará a convivencia entre as e os veciños nunha aposta por crear espazos públicos de calidade en que o cidadán sexa o verdadeiro protagonista. A alcaldesa, Inés Rey, sinala que a implantación de novo mobiliario acompañará ao proxecto de cidade amable que se pretende coa posta a punto dunha rolda peonil que conectará a Agra con San Diego. A rexedora engade que esta transformación para transitar A Coruña a pé ou en transporte público reverterá no benestar das e dos coruñeses, que desfrutarán de paseos máis amplos con vexetación e elementos que lles darán a opción de se deteren a descansar ou a falaren coa veciñanza.

Deste xeito, o Concello responde á demanda de moitas asociacións veciñais que o reclamaban desde hai tempo e, sobre todo, das persoas maiores que necesitan estes apoios para poder realizaren as súas andainas diarias. A incorporación dos bancos financiouse a través do Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos da Deputación da Coruña por un importe de 36.336 euros. En concreto, as e os residentes dos Rosales dispoñen de oito novos elementos de descanso e na Rolda de Outeiro instaláronse outros 14. Novo Mesoiro conta con oito máis nun distrito en que Mesoiro estrea catro e Matogrande, sete. En Paseo de Rolda, poden verse até doce bancos de madeira nunha actuación que chegou até a estrada dos Fortes e a avenida Calvo Sotelo con seis e dez máis, respectivamente.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión