Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xuño de 2022

O servizo municipal de bicicletas, unha vez integrado coa nova aplicación móbil, será dos máis económicos do país

O Concello presenta a nova BiciCoruña, que entrará en funcionamento o 12 de xullo

O prezo anual do novo servizo será de 40 euros, sen recargas adicionais para o modelo eléctrico ata decembro de 2023, co fin de fomentar o seu uso

O Goberno municipal presentou hoxe o novo servizo de BiciCoruña, que entrará en funcionamento o 12 de xullo, unha vez que finalice a integración da nova aplicación coas 23 estacións renovadas. Isto permitirá prescindir da Tarxeta Millennium, que era necesaria ata o de agora. "Avanzamos no modelo de cidade que busca implantar o Goberno de Inés Rey. Unha cidade máis sostible, que favoreza unha mobilidade alternativa e saudable", sinalou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, que foi o encargado de explicar as novidades do novo servizo de BiciCoruña.

Haberá dúas modalidades de pago: unha anual e outra ocasional. A anual terá un custo de 40 euros (3,33 euros ao mes). Non haberá pago por minuto nas bicicletas mecánicas, mentres que nas eléctricas o seu uso será gratuíto ata os 20 minutos, sempre e cando se teña posesión do abono anual. A partir desa franxa, o seu custo será dun céntimo por minuto, en tramos de dez minutos, ata chegar aos sesenta, tempo límite de uso continuado do servizo. A partir dese momento, cobrarase unha recarga de 5 euros por hora para evitar un uso indebido de BiciCoruña. Cabe destacar que con este plan as persoas usuarias poderán volver retirar unha bicicleta dez minutos despois de usala, sen recargas adicionais.

Francisco Díaz Gallego adiantou que o pago por minuto das bicicletas eléctricas na modalidade anual non será efectivo ata o 31 de decembro de 2023, polo que as persoas usuarias de BiciCoruña poderán usalas sen custo adicional ata entón, é dicir, aboando só a cota anual de 40 euros. Ademais, as persoas que xa estaban activas no servizo antes da súa renovación manterán o seu plan ata a data na que finalice. "Con esta medida buscamos fidelizar usuarios/as e acadar no 2023 un total de 10.000 persoas, duplicando o número actual", apuntou o concelleiro.

Por outra banda, créase unha modalidade ocasional ou turística, que servirá para dar resposta á demanda das persoas que están de paso na cidade. O seu prezo será de 10 euros e permitirá usar a bicicleta durante un mes. Nesta modalidade, as bicicletas mecánicas terán un custo por minuto de 0,015 euros, mentres que o das eléctricas será de 0,03 euros por minuto. O uso máximo nesta modalidade será de dúas horas, pero non permitirá volver retirar a bicicleta da estación unha vez depositada.

"Con estas tarifas a nova BiciCoruña implantada polo Goberno de Inés Rey será un servizo máis barato que grandes cidades como Madrid e Barcelona e similar a outras urbes como San Sebastián ou Valencia. O noso sistema de alugueiro de bicicletas conta cun prezo por minuto máis competitivo e unhas vantaxes iniciais que permitirán que medre, usando por apenas 3 euros ao mes bicicletas que superan os 3.000 euros no mercado", apuntou Francisco Díaz Gallego.

As cifras da nova BiciCoruña

A renovación do sistema de BiciCoruña supón a incorporación de 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e 342, mecánicas. As novas bicicletas eléctricas superarán en cifras o total que había en circulación ata o de agora. Ademais, haberá un total de 990 puntos de estacionamento, con base de carga, repartidos en 55 estacións cunha capacidade mínima de 15 postos. Trátase de estacións modulares robustas e cun sistema antivandalismo. A estrutura non require obra civil, polo que son moi versátiles e permiten unha rápida instalación ou traslado.

Todos os puntos de depósito dispoñen de opción de carga e identifica o tipo de bicicleta que se coloca, o que lles facilita a súa entrega ás persoas usuarias. Unha luz LED indicará que a colocación da bicicleta na estación é correcta e cada posto conta cun botón de avaría que conecta co servizo de mantemento.

O sistema complementarase con novos sistemas TIC, como unha nova páxina web e unha aplicación móbil, ademais do programa de xestión que permitirá o funcionamento do novo sistema. O orzamento total da renovación de BiciCoruña ascende a 1.792.030 euros.

Características das bicicletas

As novas bicicletas son de última xeración en versión eléctrica (EFIT) e mecánica (Hybrid Fit). Priorizouse a seguridade da persoa usuaria mediante unha combinación de ergonomía, comodidade e facilidade de condución. A eléctrica ten un peso aproximado de 27,5 quilos e a mecánica, de 21,5 quilos. Dispoñen de portaequipaxes para levar obxectos persoais, tres marchas Shimano Nexus, asento axustable ata 25 centímetros, cadea protexida e un sistema de freado nas dúas rodas de tambor evolucionado de Shimano.

A bicicleta eléctrica conta co motor no eixe do pedalier, o que ofrece unha experiencia de arranque suave. A asistencia é proporcional á forza aplicada e adáptase ao ritmo de pedaleo. Contan cun sistema GPS que permite coñecer, a través do sistema de xestión, as rutas máis usuais e identificar novas necesidades de planificación urbana.

Documentos:

Tarifas da nova BiciCoruña (424 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión