3 de febreiro de 2023
A vindeira semana comezarán as obras das pistas deportivas previstas na praza José Toubes
O Goberno municipal contou para estes traballos coa colaboración de persoas usuarias, que achegaron propostas técnicas e estéticas
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Medio Ambiente, rematou os traballos de restauración e mantemento das instalacións do skatepark do barrio dos Rosales. O Goberno de Inés Rey levou a cabo estes traballos tras escoitar as demandas e necesidades das persoas usuarias deste espazo, dunha moi alta afluencia.
Para levar a cabo esta actuación contouse coa participación de persoas usuarias habituais da pista, que propuxeron diferentes melloras técnicas e estéticas. Durante os traballos, substituíronse e reparáronse as diferentes estruturas que estaban danadas.
Por outra banda, co obxectivo de dar solución á aparición de pintadas, representantes da arte urbana coruñesa encargaranse de executar diferentes creacións artísticas neste espazo. Dirixirá esta proposta a Oficina Virtual do Graffiti, que coordinará o desenvolvemento do proxecto. "Estamos moi satisfeitos de poder contar co compromiso e a axuda da mocidade nestes labores de mantemento dunha pista tan demandada", sinalou Esther Fontán, concelleira de Medio Ambiente.
Actuacións nas pistas de skate da cidade
O Goberno de Inés Rey está realizando un importante labor de renovación e creación de skateparks na cidade. Por unha banda, na vindeira semana comezarán os traballos para crear unha pista de skate e multideporte na praza de José Toubes. Esta actuación inclúe a urbanización da contorna deste espazo con novas zonas verdes e espazos de lecer. As obras terán un orzamento e 450.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.
Por outra banda, xa está aprobada a contratación das obras de renovación integral da pista de skate do parque de Eirís, que contará cun orzamento de 525.000 euros. Esta infraestrutura contará con dous espazos principais tal e como demandaban os usuarios e usuarias (un bowl e unha skatepraza), adaptando a instalación a outros deportes urbanos como a patinaxe, o BMX e os patinetes. Crearase ademais un paseo peonil con bancos, fonte e aparcadoiros para bicicletas en paralelo ao bowl, e na parte central haberá un xardín que actuará como espazo separador entre ambas as zonas.
25 de marzo de 2023
22 de marzo de 2023
18 de marzo de 2023
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible