Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de setembro de 2020

O Concello suma á Universidade ao reto de transformar a fachada marítima e a mobilidade da cidade

Un equipo técnico de ambas as institucións elaborarán un documento que estará listo en decembro en que se definirán as liñas estratéxicas para a reordenación do espazo portuario interior. O proceso realizarase de xeito coordinado coa Autoridade Portuaria, clave no desenvolvemento destes espazos.

A alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde asinaron esta mañá en María Pita dous convenios de colaboración co fin de afrontaren o reto de transformaren a fachada marítima e a mobilidade sustentable da cidade.

Tanto a alcaldesa como o reitor destacaron  o compromiso de ambas as institucións para actuar de xeito conxunto e acometer o proxecto de reordenación da fachada marítima e apertura da cidade ao mar. Unha actuación, subliñaron, que necesita do consenso da todas as administracións e que suporá a recuperación de espazos públicos para a veciñanza.

Dous convenios, sinalou a alcaldesa, que amosan "a boa sintonía e relación que teñen que ter as institucións públicas; neste caso coa Universidade que está vencellada ao desenvolvemento urbano, aos problemas da cidade; unha Universidade chea de talento que temos que aproveitar en beneficio da toda a cidadanía".

Rey destacou que "é un desafío prioritario para a cidade romper os muros que impiden a súa xente ocupar espazos que lle pertencen", e subliñou que "neste convenio involucrase de xeito activo a nosa Universidade como parte importante da da sociedade civil, e con ela, o prestixio e a experiencia dos seus integrantes máis recoñecidos no eido urbanístico".

O concello, dixo a rexedora, ten entre os seus obxectivos principais a reordenación progresiva da fachada marítima da Coruña como unha actuación necesaria para vertebrar a futura relación entre a cidade e o seu porto interior, e que se fai esencial  de cara ao acceso progresivo da mobilidade cidadá nos espazos portuarios que foron perdendo a súa utilidade. E insistiu en que a ordenación debe garantir os usos que actualmente se desenvolven no porto interior e que os reforzará na medida das posibilidades. Por iso, o proceso realizarase de xeito coordinado coa Autoridade Portuaria "´É necesario unha alianza entre o porto e a cidade", recalcou o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada.

Pola súa banda, o reitor, Julio Abalde, sinalou que a Universidade está sempre a disposición da cidade no desenvolvemento dos seus proxectos estratéxicos como son o deseño da fachada marítima e o da nova mobilidade de cara ao 2030. "Proxectos abertos a todas as institucións e a cidadanía", dixo.

Inés Rey explicou que a través do convenio se estudará a problemática que afecta á  zona 1 (peiraos da Batería e Calvo Sotelo) e á zona 2 (estación de mercadorías e peiraos de San Diego e Petroleiro), incluídas no convenio de 2004 para a reordenación urbanística de determinados terreos do actual porto da Coruña e da estación de mercadorías de San Diego, como apoio ao financiamento da obra do porto exterior.

Ademais analizaranse escenarios alternativos aos convenios do 2004, que inclúan a resolución das contradicións que se producen na delimitación das zonas, así como na definición dos usos e edificabilidades das áreas de futura de titularidade pública e desafectadas en que está prevista a desaparición das actividades actuais. Tamén se buscarán fórmulas de financiamento e de xestión dos terreos desafectados, impulsadas polo Concello da Coruña, para o que se coordinarían as distintas administracións. O concello pretende que o estudo, que se realizará baixo a coordinación do profesor de Urbanística e Ordenación do Territorio, Carlos Nárdiz, e a Concellería de Urbanismo, estea listo no mes de decembro. O orzamento é de 50.000 euros.

Doutra banda, o segundo convenio servirá para crear o Laboratorio da Mobilidade Sustentable da cidade da Coruña, en que se tratará toda a información relacionada coa mobilidade na contorna xeográfica da Coruña de que dispoñen o Concello, a Universidade e calquera outra institución que se amose disposta a facilitar os datos. Neste senso, a alcaldesa, destacou a visión metropolitana que ten o Goberno local  á hora de abordar os problemas de mobilidade que non só afectan a veciñanza da Coruña, senón tamén as veciñas e os veciños da área metropolitana con preto de 400.000 persoas, que precisan unha mobilidade de futuro e sustentable acorde cos obxectivos da axenda 2030. Para levar a cabo estas políticas, a alcaldesa lembrou a necesidade de que a Xunta poña en marcha o Consorcio Metropolitano de Transporte, que o concello leva tempo reclamando, así como a construción da Estación Intermodal da Coruña.

O edil de Urbanismo explicou que se trata dun laboratorio que debe ser capaz de analizar a situación da cidade e facer propostas efectivas para trazar a mellor mobilidade urbana e metropolitana. "Un centro de análise permanente de información en materia de transporte urbano, metropolitano e a necesidade de apostar xa polo tren de proximidade", dixo.

As persoas responsables do Laboratorio serán Margarita Novales Ordax e Alfonso Orro Arcay, profesores da Universidade do Grupo de Ferrocarrís e Transportes. O orzamento é de 75.000 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión