8 de outubro de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, o secretario de Estado de Xustiza, Manuel Olmedo, e o decano de Dereito da USC, Xulio Ferreiro, presentaron hoxe unha das citas máis importantes de formación xurídica en España
A alcaldesa, Inés Rey, o secretario de Estado de Justicia, Manuel Olmedo Palacios, e o decano de Dereito na UDC, Xulio Ferreiro, presentaron hoxe no palacio de María Pita o gran evento anual sobre a transformación dixital da Xustiza, o DATAfórum, que programará a súa quinta edición na Coruña do 21 ao 23 de outubro. Reunirá a 180 expertos en dixitalización e Xustiza e máis a dun milleiro de asistentes, na súa maioría profesionais do sector xurídico.
"Este DATAfórum contará con relatores de moi diversos ámbitos que afondarán, con rigor, nos diversos avances que lle afectan á xustiza. Desde a Intelixencia Artificial, que fai nacer inmensas oportunidades de progreso, ata o ámbito da comunicación e o xornalismo, fundamentais para esclarecer as verdades cando estas son cada vez menos evidentes", subliñou Inés Rey.
O congreso abordará cuestións clave para o presente e o futuro da Xustiza, como a aplicación responsable da intelixencia artificial e outras tecnoloxías para axilizar este servizo público. Ademais do ministro Félix Bolaños, o programa contará con outros relatores destacados como José Ignacio Latorre, un dos maiores expertos mundiais en IA; a directora xeral de IA do Goberno de España, Aleida Alcaide; ou o catedrático en Dereito Procesual, Jordi Nieva. Tamén participarán conselleiros de Xustiza do Principado de Asturias, Navarra, País Vasco, Galicia e Canarias.
Na presentación, Inés Rey tamén salientou a importancia para a cidade de acoller eventos de alcance global como este. "Na Coruña e en Galicia temos un clima profesional e académico de primeiro nivel que nos permite dicir, sen ningún xénero de dúbidas, que podemos e debemos estar na vangarda da transformación profunda que o país enteiro está a vivir", apuntou.
"Un foro que ten como obxectivo mellorar. As sociedades xa están, desde hai tempo, a ser substancialmente transformadas polos avances tecnolóxicos. As fronteiras entre o que é real e o que non, desdebúxanse. E por iso debemos, agora máis ca nunca, fortalecer as institucións que nos fan a todos e todas máis fortes. E buscar o xeito de facer que esa revolución tecnolóxica teña tamén efectos positivos na nosa sociedade", indicou a alcaldesa, quen tamén subliñou que DATAfórum é xa unha das citas máis relevantes a nivel nacional vinculadas á formación xurídica.
Na súa intervención, o secretario de Estado, Manuel Olmedo, defendeu que a transformación dixital da Xustiza debe avanzar sempre da man da protección dos dereitos fundamentais. Subliñou que a intelixencia artificial e os datos ofrecen grandes oportunidades para mellorar este servizo público e que a tecnoloxía debe estar sempre ao servizo das persoas e baixo supervisión humana.
Neste contexto, sinalou tamén a necesidade de avanzar cara a un novo contrato social que permita afrontar os cambios que introduce a intelixencia artificial e establecer un marco de confianza que garanta que a innovación tecnolóxica se desenvolva con pleno respecto aos dereitos e liberdades. O obxectivo debe ser construír unha Xustiza máis áxil, máis accesible e máis inclusiva, sen que a innovación poida en ningún caso poñer en risco as garantías que sustentan o noso Estado de dereito.
Pola súa banda, o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro, destacou a oportunidade que supón o DATAfórum para o estudantado universitario á hora de analizar os desafíos que a transformación tecnolóxica está a introducir no ámbito da xustiza. O amplo programa de tres días, engadiu, permitirá reflexionar sobre cuestións clave relacionadas coa dixitalización do sistema xudicial e coa crecente incorporación da intelixencia artificial aos procesos e servizos xurídicos.
Ferreiro destacou, dentro das actividades vinculadas coa cita, a celebración do Datathon, unha competición na que participarán máis de 100 estudantes procedentes de 17 universidades, organizados en equipos multidisciplinares, especialmente de Dereito e Informática, pero tamén doutras áreas como enxeñaría, que deberán propoñer solucións innovadoras a problemas relacionados co ámbito xurídico. A iniciativa inclúe por primeira vez o Prompathon, un novo espazo de centrado na procura de novas propostas de aplicación da IA en documentos xudiciais.
"DATAfórum Justicia" é un evento anual itinerante organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e centrado na dixitalización da Xustiza, a clave da transformación deste servizo público impulsada desde o Goberno. Nesta edición, conta coa colaboración do Concello e a Universidade da Coruña, así como co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado.
A IA e outros retos da Xustiza do século XXI
"DATAfórum Justicia" abordará a irrupción da IA na Xustiza desde múltiples perspectivas: Como contribúe xa a axilizar este servizo público? Como impacta no labor dos xuíces e avogados? Hai riscos para as garantías xudiciais? Como debe controlala e regulala o Estado?
O programa tamén inclúe sesións sobre outros retos da Xustiza do século XXI, como os delitos de odio, a desinformación, a protección dos nosos datos ou o consentimento sexual na era dixital.
Na última xornada, ademais, tres artistas falarán de transformación social e dixital desde as súas disciplinas: o cine, con Carlos Montero (guionista de series como Élite); a música, coa violonchelista Alejandra Díaz; e o humor, con Carolina Iglesias (@percebesygrelos en redes sociais).
Cerca de 200 estudantes competirán no DATAthon 2026
"DATAfórum Justicia 2026" tamén acollerá o DATAthon, un concurso no que cerca de 200 estudantes de 13 universidades de toda España buscarán respostas innovadoras a necesidades reais da Administración de Xustiza.
Durante tres días, os equipos (a maioría formados por estudantes de Informática e Dereito) traballarán in-situ cos seus mentores para propor solucións a tres retos: como atender a persoas con dificultades para desenvolverse en contornas dixitais; como achegarlle a Xustiza a nenos, nenas e mozos duna forma máis comprensible e como responder mellor ás diferentes formas de comprensión de persoas neurodiverxentes.
Ademais, disputarase un Promptatón, unha competición para elixir o equipo que cree o mellor prompt (instrución a unha intelixencia artificial). O obxectivo é explorar as posibilidades da IA aplicada a documentos xudiciais anonimizados. Os equipos gañadores coñeceranse o venres 23 ás 13.40 h.
Relatores destacados
José Ignacio Latorre: Físico cuántico e un dos principais expertos en intelixencia artificial. Catedrático de Física Teórica na Universitat de Barcelona e profesor visitante no Center for Quantum Technologies de Singapur, investigou sobre IA, física de partículas e información cuántica. Acaba de publicar EUn nuevo contrato social", un manual sobre como gobernar con intelixencias non humanas.
Aleida Alcaide: Directora xeral de Intelixencia Artificial do Goberno de España. Traballa na estratexia española de IA, o impulso da innovación e o desenvolvemento de infraestruturas, así como no papel de España no novo escenario internacional da intelixencia artificial.
Alberto Gago Fernández: Director xeral da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Especialista en regulación e supervisión da IA. O seu traballo aborda como garatir un desenvolvemento seguro e responsable da intelixencia artificial e protexer os dereitos das persoas.
Alba Meijide: Enxeñeira especializada en intelixencia artificial (Universidade de Manchester) e divulgadora tecnolóxica. Achégalle a IA á sociedade e analiza como está a transformar o traballo, as habilidades do futuro e a relación das novas xeracións coa tecnoloxía.
Jordi Nieva: Catedrático de Dereito Procesual (Universitat de Barcelona) e experto na relación entre Xustiza e intelixencia artificial. Investiga como a IA pode transformar os procesos xudiciais, a valoración da proba e as profesións xurídicas, así como os límites e garantías que deben acompañar o seu uso.
Os relatores pódense consultar nesta ligazón: https://dataforumjusticia.es/ponentes-2026/
Sesións destacadas
Mércores 21 de outubro
11:35 - 11:45 | Inauguración a cargo de Manuel Olmedo, secretario de Estado de Xustiza.
12:25 - 13:00 | José Ignacio Latorre - "El nuevo contrato social". Unha reflexión sobre ciencia, tecnoloxía, intelixencia artificial e transformación social.
13:05 - 13:15 | Teresa Peramato, fiscal xeral do Estado - "Los retos de la Fiscalía General del Estado".
13:50 - 14:00 | Alberto Gago, director da AESIA - Entrevista. Regulación, supervisión e retos da intelixencia artificial en España.
15:50 - 16:30 | "Delitos de odio. Desinformación". IA, desinformación, verificación e novas narrativas, con Estefanía de Antonio, responsable de verificaRTVE e con María Esteller, subdirectora da Axencia Estatal de Supervisión da IA.
Xoves 22 de outubro
09:25 - 09:50 | Jordi Nieva - "¿Se ve comprometida la calidad de la Justicia por el uso privado de IA por parte del juez?". O impacto da IA no labor xudicial e nas garantías da Xustiza.
10:15 - 11:10 | "Justicia digital en Iberoamérica". Perspectiva internacional sobre a transformación dixital dos sistemas xudiciais, con relatores de República Dominicana, Brasil, Arxentina e Colombia, así como o Banco Interamericano de Desenvolvemento.
16:20 - 17:30 | "La oportunidad de la innovación en entornos complejos: abogacía rural, discapacidad y Justicia". Tecnoloxía, accesibilidade e igualdade no acceso á Xustiza, con Jesús Hernández Galán, premio nacional de innovación.
16:20 - 17:30 | "Justicia y Economía: ejecución judicial, subastas, deuda judicializada". A relación entre Xustiza e economía.
17:35 - 18:45 | "Legaltech: la tecnología y su impacto en los bufetes y departamentos de legal de grandes empresas". O impacto da tecnoloxía e a IA nas profesións xurídicas.
Venres 23 de outubro
09:30 - 10:05 | "Inteligencia Artificial en España. Estrategia, control y política de Estado". Un dos principais debates do programa sobre regulación, estratexia nacional e futuro tecnolóxico.
10:10 - 11:05 | "El futuro de la Justicia, su digitalización y la IA. Una perspectiva política". Debate sobre o futuro da Xustiza ante a transformación tecnolóxica e a intelixencia artificial.
14:20 - 14:30 | Clausura a cargo do ministro Félix Bolaños.
Pódese consultar o programa completo en: https://dataforumjusticia.es/agenda
As acreditacións para cubrir "DATAfórum Justicia 2026" poden solicitarse nesta ligazón: https://dataforumjusticia.es/
Para máis información e petición de entrevistas o enderezo electrónico de contacto é: comunicacion@mpr.es
Teléfonos de referencia: 653 391 008 / 627480564

29 de outubro de 2026

23 de outubro de 2026

21 de outubro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible