Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xuño de 2022

A cidadanía poderá gozar coa práctica de 68 disciplinas deportivas entre a pista deportiva de Durmideiras, os xardíns de Méndez Núñez, a Cidade Deportiva de Riazor, a praza de Tabacos e a praia de Oza

O Día do Deporte na Cidade achegarase máis aos barrios este domingo con cinco zonas de actividade

Ademais, a comezos de xullo, darán comezo os programas de actividades deportivas ‘Coruña en Forma’ e ‘Coruña no Mar’, ideados para a realización de exercicio ao aire libre e en espazos naturais da Coruña

A Coruña vivirá este domingo 26 unha nova edición do Día do Deporte na Cidade, unha cita xa tradicional do calendario deportivo anual no concello e que, neste 2022, asentará a aposta por un modelo integrador, cunha maior presencia nos barrios, un formato posto en marcha durante o vixente mandato de Inés Rey.

A programación de actividades, un total de 68, presentouna esta mañá a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, no Palacio dos Deportes de Riazor. Martínez puxo en valor o impacto do Día do Deporte na Cidade en termos de proximidade, xa que se levará a cabo en cinco zonas de actividade: a pista deportiva de Durmideiras; os xardíns de Méndez Núñez; a Cidade Deportiva de Riazor; a praza de Tabacos, na contorna da Palloza; e a praia de Oza. Será en horario de mañá (11.00 a 14.00 horas), e de tarde (16.00 a 19.00 horas), coa participación de máis de setenta entidades deportivas e sociais da cidade.

Desta forma, durante o domingo, a cidadanía poderá gozar coa práctica de múltiples disciplinas deportivas como fútbol, baloncesto, bádminton, ximnasia artística, taekwondo, escalada, boxeo e windsurf, entre moitas outras.

O obxectivo é achegar á poboación a actividade física e o exercicio, como instrumento fundamental para manter a saúde, a cohesión social e a adquisición de valores, contando coa colaboración das entidades do tecido deportivo coruñés.

Toda a información sobre a xornada de actividades polo Día do Deporte na Cidade, así como a normativa para a participación nas actividades, pode consultarse na web específica do servizo municipal de Deportes.

A programación de actividades deportivas municipais durante o verán

Ademais, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou hoxe a programación de actividades deportivas municipais para a tempada estival. O programa 'Coruña en Forma' é unha iniciativa orientada a animar, motivar e formar ás persoas participantes para a realización de exercicio físico diario e, ademais, a favorecer as súas relacións sociais.

'Coruña en Forma', que estará aberto a toda a cidadanía, dará continuidade ao programa de actividades deportivas que se está levando a cabo durante este mes nos parques biosaudables da cidade, coa participación dos alumnos e alumnas maiores de 60 anos que asisten ás clases de mantemento das Escolas Deportivas Municipais. "A proposta de actividades está encamiñada a fomentar a practica do exercicio fisico entre os segmentos de poboación mais sedentarios", sinalou Mónica Martínez.

Desde o día 1 de xullo e ata o 18 de setembro, promoveranse actividades dirixidas (tai-chi, ioga, pilares, ximnasia aeróbica e zumba), de luns a venres e en diversas localizacións da cidade, como as praias de Riazor e Oza, o Parque Europa e o de Vioño, o Barrio das Flores, e novos enclaves como as praza dos Avós, Mariñeiros, Elíptica e Vigo, e Novo mesoiro. Tamén se executarán actividades de lecer (andainas, roteiros a patíns e marcha nórdica, entre outras), durante as fins de semana. 

Por outra banda, e tamén a comezos do mes de xullo, volve o programa 'Coruña no Mar', posto en marcha o ano pasado, que acadou un notable éxito de participación na súa primeira edición e, ao igual que no 2021, volverá executarse durante a tempada estival, entre o 4 de xullo e 2 de setembro, cunha oferta de 1.125 prazas (de luns a venres, 752; na fin de semana, 373) nun total de 76 cursos, que abranguen de 6 a 20 prazas en función da disciplina deportiva en cuestión. 

"Non nos cansamos de dicir que esta cidade é un pavillón natural perfecto para a práctica do deporte, tanto en terra como en mar, e precisamente estes dous programas botan man destes espazos privilexiados que temos para a práctica da actividade física e o deporte", finalizou Mónica Martínez.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión