Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de decembro de 2021

As entradas xa están a venda para as diferentes funcións, que comezarán o domingo 26 de decembro cunha oferta moi variada

O Festival de Monicreques de Nadal ofrecerá no Fórum Metropolitano cinco xornadas de espectáculos para todos os públicos

O Concello programou durante este 2021 medio cento de espectáculos nun auditorio que pouco a pouco foi recuperando a normalidade

O Fórum Metropolitano acollerá a partir de mañá o Festival de Monicreques de Nadal, un evento para todos os públicos incluído na programación do Concello da Coruña para estas datas festivas. Serán en total cinco xornadas con cinco funcións diferentes e cunha temática e técnica moi variada.

A oferta de espectáculos ofrecerá unha gran diversidade estética e está dirixida aos máis pequenos e as súas familias. O horario de todas as funcións é as 18.00 horas e o prezo das entradas é de 6 euros, habendo tamén un abono familiar para tres persoas por 15 euros e billetes para menores de 3 anos a 2 euros. As entradas pódense mercar no despacho da praza de Ourense, no propio Fórum e a través de Ataquilla.com. En todos os espectáculos cumprirase un estrito protocolo sanitario para garantir a saúde do público e dos profesionais.

Este domingo 26 poderase ver o espectáculo 'Brancaneves e os 7', da compañía Larei Lará. Trátase dunha versión moderna da popular ficción infantil, con música en directo e monicreques de madeira. O luns 27 será a quenda da función 'Historia unha man', de Micromima e Espaguetti Títeres. É un espectáculo sen palabras composto por catro pezas da vida cotiá. O martes 28 a obra representada será 'Dona Barriga Verde' de Larraitz Producións Artísticas. Está protagonizada por unha pícara, cantarina e pandereteira que desafía a súa situación vital. O mércores 29 tocaralle á compañía Partículas Elementares e a obra 'Quiero la Luna!'. É un espectáculo de monicreques de cartón de manipulación directa, en castelán, e que trata sobre valores como a amizade. O festival rematará o xoves 30 de decembro coa obra 'Nido', tamén de Partículas Elementares. Ten unha estética moi similar á anterior e trata sobre valorar as cousas sinxelas da vida.

Balance do 2021 no Fórum

Este 2021 foi de menos a máis en relación aos espectáculos programados polo Fórum Metropolitano. As restriccións de aforo e de eventos marcaron os primeiros meses do ano e impediron o desenvolvemento habitual do recinto. Pese a iso, durante o ano 2021 no Forum Metropolitano programáronse 45 espectáculos: 10 do ciclo 'Todo Público' (para público familiar e escolar), 14 do ciclo 'Sen Numerar' (espectáculos de pequeno e mediano formato para público adulto), 4 do 'Forumáxico' (de maxia para público familiar), 12 do 'Festival Falando a Boca Chea' ( de tradición oral) e 5 do 'Festival de Títeres de Nadal'. Ata o de agora, houbo máis de 6.600 espectadores este ano.

Programáronse espectáculos de gran calidade e premiados en diversos festivais: 'Zapatos nuevos' (premio Max y premio FETEN 2020 ao mellor espectáculo infantil), 'Soy una nuez' (premios FETEN 2021 á Mellor dirección e interpretación coral), 'Las Cotton' (premio FETEN 2021 ao Mellor espectáculo de títeres) e 'Nido' (Premio ao Mellor Espectáculo no Festival Internacional de Monicreques FIMO 2019 de Portugal);  e unha estrea: 'The Witch' de Diana Siiera, entre os espectáculos para adultos. A variedade e calidade da programación responde ao impulso dado polo Goberno de Inés Rey á actividade cultural na cidade.

Desde a dirección do Fórum Metropolitano esperan poder ampliar a programación do auditorio de cara a este 2022, con máis espectáculos nos diferentes ciclos. Por outra banda, espérase un maior aumento da capacidade nas funcións escolares, poidendo admitir alumnos de dous ou máis centros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión