Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de setembro de 2025

O Festival Lóstrego clausura a súa primeira edición cunha gala chea de emocións e recoñecementos ao cinema fantástico e de terror

As curtametraxes Imago, Nai, Algo sobre Ilda e Berta foron recoñecidas na gala de clausura co Premio Nacional, Galego, Internacional e o Premio Especial do Público, respectivamente

O Festival Lóstrego clausura a súa primeira edición cunha gala chea de emocións e recoñecementos ao cinema fantástico e de terror

As curtametraxes Imago, Nai e Algo sobre Ilda foron galardoadas co Premio Nacional, Galego e Internacional, respectivamente

A Coruña, 6 de setembro de 2025.- O Fórum Metropolitano acolleu esta noite a gala de clausura da primeira edición do Festival Lóstrego, unha celebración do cinema fantástico e de terror que pechou catro días de intensa actividade cultural cun acto de entrega de premios cheo de emoción, creatividade e compromiso co audiovisual.

O xurado da Sección Oficial de Curtametraxes distinguiu tres obras pola súa calidade artística, narrativa e capacidade de innovación dentro do xénero:

  • Premio Nacional: "Imago". Curtametraxe de suspense psicolóxico que constrúe unha atmosfera inquietante a través do xogo infantil e do poder da imaxinación.
  • Premio Galego: "Nai". Thriller ambientado na Galicia rural dos anos 70, que mestura drama e terror emocional nun relato sobre maternidade e perda.
  • Premio Internacional: "Algo sobre Ilda". Peza de ficción atmosférica e suxerente, na que a memoria e o espazo se entrelazan nun relato de misterio íntimo e delicado.
  • Premio Especial do Público: "Berta". O recoñecemento foi anunciado no propio acto de clausura e entregado polo cineasta Marc Castro, destacando a conexión emocional que esta proposta xerou entre o público asistente.

A gala contou coa participación das persoas responsables da organización e co equipo do festival, que quixeron agradecer o apoio recibido por parte do público, das entidades colaboradoras e do Concello da Coruña.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Henrique Castro Prado, destacou na súa intervención final que o Festival Lóstrego "non só enriqueceu a programación cultural da cidade, senón que tamén consolidou A Coruña como un espazo de encontro para a creación e a difusión do cinema alternativo, diverso e comprometido coa innovación".

Ao longo destes catro días, o público coruñés puido gozar dunha ampla programación que combinou proxeccións de curtametraxes e longametraxes, obradoiros para todos os públicos, charlas, contacontos, exposicións e actividades lúdicas arredor do xénero fantástico. Entre os espazos destacados figurou a mostra colectiva dedicada á icónica figura de Totoro, que reuniu obras de 35 artistas.

Desde o Concello da Coruña valórase moi positivamente esta primeira edición do Festival Lóstrego, que chega para quedarse como unha cita de referencia no calendario cultural da cidade. O Goberno de Inés Rey reafirma así o seu compromiso co apoio á cultura e á creación audiovisual, impulsando proxectos que combinan talento, participación cidadá e innovación. 

O Festival Lóstrego contou co apoio do Concello da Coruña, do Fórum Metropolitano, da organización ALAS A Coruña, da produtora Fonofox e da entidade Kinemaland: A Terra do Cinema. Toda a información pode consultarse en www.lostregofestival.com e nas redes sociais do certame.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión