Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de outubro de 2026

O festival Quincegotas levará a danza contemporánea a catro espazos emblemáticos da cidade do 9 ao 11 de outubro

A novena edición do certame reunirá 14 propostas artísticas na escalinata da Domus, a cúpula do parque de Eirís, a praza da Fábrica de Tabacos e, como novidade, a praza de María Pita

O festival Quincegotas, a principal cita da danza contemporánea en espazos urbanos da cidade, celebra a súa novena edición entre os días 9 e 11 de outubro cun programa que reunirá 14 propostas artísticas en diferentes puntos da Coruña. A escalinata da Domus, a Cúpula do Parque de Eirís, a Praza da Fábrica de Tabacos e, por primeira vez, a praza de María Pita converteranse en escenarios para unha programación que aposta por achegar a creación contemporánea ao espazo público.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, salientou a importancia dunha iniciativa que permite achegar as artes escénicas a novos públicos. "Quincegotas é un exemplo da programación cultural diversa e de calidade pola que aposta o Goberno de Inés Rey. O festival transforma a cidade nun espazo de creación compartida e permite que a danza contemporánea chegue directamente á cidadanía, eliminando barreiras e levando a cultura aos espazos públicos que forman parte da nosa vida diaria". Castro destacou tamén que o certame "contribúe a dinamizar diferentes barrios e a reivindicar a Coruña como unha cidade aberta á innovación artística, ao talento emerxente e ás novas linguaxes escénicas".

A programación arrancará o venres 9 de outubro ás 18.00 horas na escalinata da Domus, un dos espazos máis identificados co festival. A xornada inaugural contará coa participación do CDAN Lugo, que presentará 'SOMA', e do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, con 'Diferencial'. Completarán o programa Riart Company, con 'Derivé', e os bailaríns Héctor Plaza e Kiko López, que interpretarán 'Lo que los árboles no cuentan'.

O sábado 10 pola mañá a actividade trasladarase á cúpula do parque de Eirís, onde terá lugar a sección 'Quincegotas Emerxente', dedicada ás novas voces da danza contemporánea. Participarán Myriam González con 'Tánguela', Alicia López con 'A vergonza era verde e comeuna a vaca', Samuel Galán con 'Threadscap' e Suevia Rojo con 'Pensar a contratiempo'.

Xa pola tarde, a praza da Fábrica de Tabacos acollerá as propostas 'Mover Cenizas', de Maruxa Salas e Erick Jiménez; 'Extender como si pudiera', de Julia Laport; e '(En Blanco)', do Colectivo Dexeito.

María Pita, novidade e escenario de clausura

A principal novidade desta edición será a incorporación da praza de María Pita como espazo do festival. Alí celebrarase a xornada de clausura o domingo 11 de outubro a partir das 18.00 horas, cun programa integrado por 'Recreo', da Meraki Cía; 'Campo Abierto', de María Garzaráin; e 'Manifesto', de Ángel Duran.

O festival volverá apostar por sacar a danza dos espazos convencionais para favorecer o encontro directo entre artistas e público, convertendo a cidade nun elemento máis de cada proposta escénica.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión