Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de marzo de 2022

O Fórum Metropolitano acolle a estrea de ‘A familia real’, un espectáculo teatral sobre os retos que afrontan nais e pais na sociedade actual

As compañías galegas Aporía Escénica e Olivas Negras coproducen a peza, baseada na experiencia persoal de tres mulleres do eido artístico: Diana Mera, Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez

O auditorio do Fórum Metropolitano abre as súas portas este venres 18 (20.30 horas) a un novo espectáculo do ciclo de artes escénicas 'Sen Numerar'. "A familia real", unha coprodución de dúas compañías galegas, Aporía Escénica e Olivas Negras, estréase sobre os escenarios, coa Coruña como fogar para este debut.

Baixo a dirección de Diana Mera, e con Sonsoles Cordón, Francisco Gallardo, Vicente Mohedano, Cecilia Vázquez e a propia Mera entre o elenco de protagonistas, a peza orbita arredor dos cambios e desafíos que afrontan as nais e pais na sociedade actual, baseándose na propia experiencia persoal de Mera, Cordón e Vázquez, tres mulleres do eido artístico, empresarias do mundo teatral, que uniron os seus camiños para dar forma a este proxecto motivadas pola necesidade de interaccionar cos seus fillos e fillas en escena.

O espectáculo, de 80 minutos de duración, leva ao escenario varias reflexións vencelladas ao mundo da familia e, en particular, ás nais e pais que traballan no mundo das artes escénicas: por un lado, como conciliar a itinerancia e a inestabilidade do sector coas esixencias da crianza; e, por outra banda, están todas e todos preparados para asumir os desafíos e continxencias de forma creativa?

As entradas para o público xeral xa están á venda, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano o día do espectáculo, desde unha hora antes do comezo da función. Ademais, as entradas poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 9 euros para o público xeral e de 7 euros para as persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.   

Catro espectáculos máis programados ata xuño

O ciclo de teatro para adultos 'Sen numerar' continuará ata o día 10 de xuño no Fórum Metropolitano. O calendario de espectáculos previsto, sempre en venres e ás 20.30 horas, é o seguinte:

  • Venres 8 de abril: 'Lázaro' (Leamok).

  • Venres 22 de abril: 'As alumnas' (Culturactiva).

  • Venres 13 de maio: 'A parábola do angazo' (Talía Teatro).

  • Venres 10 de xuño: 'Do pracer e da morte' (A feroz).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión