Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de decembro de 2020

O Goberno local acorda con Marea e BNG eximir os negocios do pago das taxas de lixo, auga e depuración durante o período que teñan que pechar en 2021

Comprométense a reducir a cota de autónomos e empresas un 50% e a incluíren posibles beneficios fiscais que minoren o impacto da crise económica derivado da Covid-19 Lage Tuñas valora positivamente o pacto acadado hoxe coas outras forzas políticas porque “recupera o camiño que se abriu en xuño de 2019” e asegura que, en calquera caso, desde o goberno tenderán pontes para mellorar esas relacións

Ante a difícil situación pola que atravesan diversos sectores económicos da nosa cidade como a hostalaría, o comercio e a cultura, o Goberno local acordou con Marea Atlántica e Bloque Nacionalista Galego reducir un 100% o pago de taxas de lixo, auga e depuración durante o peche de locais e negocios en 2021 por mor da pandemia. O voceiro municipal e concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage Tuñas, valorou positivamente esta alianza porque "en parte recupera o camiño que se abriu en xuño de 2019". En calquera caso, apuntou que desde o goberno "traballaremos para mellorar as relacións tendendo pontes coas outras forzas políticas". O pacto que se logrou hoxe vén provocado pola proposta que levou o PP a pleno e "que está fóra do marco da legalidade", polo que Lage Tuñas sinalou que buscaron unha alternativa para lle dar resposta á veciñanza que máis o precisa.

Deste xeito, comprometeranse a establecer unha segunda redución do 50% na cota que teñen que aboar as persoas autónomas, micropemes e pemes nos restantes períodos do ano 2021 en que a Xunta de Galicia decrete peches totais ou parciais como autoridade sanitaria. Neste paquete de medidas acordadas, incluiranse posibles beneficios fiscais que poidan minorar o impacto da crise económica derivada da COVID-19.

En concreto, o Goberno municipal axilizará a execución das liñas de axudas do PRESCO e iniciará de inmediato, en diálogo cos sectores afectados e os grupos municipais, os traballos para elaborar e aprobar novas medidas de reactivación económica e social para o ano que vén. Neste punto, reservarán un apartado específico de apoio aos establecementos afectados pola restricións horarias nocturnas, derivadas do estado de alarma, tales como as salas de concertos, os café-bares especiais e mais os locais análogos.

Deste xeito, constituirase unha mesa de diálogo, en que participarán todas as forzas da corporación, co comercio e a hostalaría da cidade co fin de avaliaren o desenvolvemento do PRESCO e recolleren as súas propostas e suxestións de cara a implantar novas determinacións.

O Goberno Municipal da Coruña comprométese tamén a introducir na súa proposta de modificación das ordenanzas fiscais para o ano 2022 os cambios precisos para prover dunha bonificación do 50% na tarifa establecida a núcleos familiares monoparentais, entendendo estes como os que se forman por un proxenitor ou proxenitora (nai ou pai) e un ou varios fillos ou fillas menores de 22 anos, ou cunha discapacidade dun 33% ou superior, ou incapacitadas/os para traballaren, con independencia da súa idade. Este límite de idade amplíase até os 25 anos nos casos en que cursen estudos universitarios ou de formación profesional de grao superior ou similares. Para cumprir os acordos que asinaron hoxe, o Goberno Municipal realizará os trámites necesarios antes do 31 de xaneiro de 2021.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión