Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xaneiro de 2020

O Goberno local declarará Zona de Especial Protección os xardíns de Méndez Núñez co fin de velar polo patrimonio e a saúde pública

Incrementarase a presenza policial e colocaranse carteis para recordar a prohibición de facer botellón

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que a Xunta de Goberno Local aprobará mañá a declaración dos Xardíns de Méndez Núñez como Zona de Especial Protección (ZEP). Desta maneira, o Concello pon fin á práctica do botellón. "Desde o xoves non se poderá facer botellón en Méndez Núñez", dixo a alcaldesa, que lembrou que o Goberno local ten "a obriga de protexer os espazos públicos e velar pola saúde pública".

 O Goberno local cumpre deste xeito o compromiso que adquiriu ao principio do mandato de "acabar coa práctica do botellón e de que os Xardíns estarían protexidos e volverían a lucir o esplendor que tiveron no pasado". A deterioración continua dos Xardíns de Méndez Núñez provocada pola práctica do botellón, subliñou a acaldesa, é unha das preocupacións do Concello. O dano ecolóxico reflíctese nas especies arbóreas, na cantidade inxente de lixo recollido ao día seguinte (preto de tres toneladas), así como na continua desfeita ocasionada ao mobiliario urbano (bancos, papeleiras, reloxo, fonte...).

Doutra banda, Inés Rey insistiu en que "o Goberno local debe velar pola saúde pública, en especial da mocidade", xa que varios informes do Sergas recollen un incremento no consumo de alcol por parte de menores, en especial en mulleres con idades comprendidas entre os 13 e 16 anos. A Policía Local tamén detectou un aumento dos actos de vandalismo asociados á inxestión de alcol. Segundo os datos, os xoves e os sábados son os días de maior afluencia, con preto de 1.000 persoas.

Tras o seu paso pola Xunta de Goberno, a medida será publicada no BOP o xoves. A partir deste día, non se poderá realizar botellón nos Xardíns de Méndez Núñez. Colocaranse carteis informativos na zona para "lembrar" que non se pode consumir alcol desde o inicio dos Xardíns, en fronte da Delegación do Goberno, ata o palco da música. Trátase de cumprir unha ordenanza municipal que leva en vigor desde xullo de 2008 e que regula o ocio nocturno e prohibe que se consuma alcol nas rúas en grandes concentracións de xente que provoquen alteracións na orde pública e interfiran no descanso doutras persoas. O incumprimento desta normativa implica multas desde os 200 euros as máis leves ata os 3.000 euros as máis graves. Ademais, as primeiras semanas incrementarase a presenza policial cun dispositivo especial.

Como medida disuasoria, colocaranse carteis nas zonas que xa foron declaradas  ZEP: praza do Humor, praza da Fariña (Azcárraga), contorna da Cidade Vella e Santa Catalina. A alcaldesa asegurou que se intensificarán os controis policiais para que esta medida non afecte a outras zonas da cidade. A Policía, dixo, vixía que os locais cumpran os horarios de peche e instaláronse novos puntos de medición de ruídos no Orzán para garantir que se respecta a normativa. "A Policía Local leva meses controlando cada fin de semana as zonas máis conflitivas da cidade e traballamos para evitar problemas, xa que hai locais que cumpren estritamente os seus horarios", lembrou.

A alcaldesa agradeceu o traballo realizado desde distintas concellerías para poder sacar adiante esta declaración, en especial a Medio Ambiente, que presentou numerosas propostas e que está a realizar un inventario de especies como paso previo á posta en marcha dun plan integral de mellora e rehabilitación que levará ao Goberno local a lle solicitar á Xunta a declaración da zona como Ben de Interese Cultural (BIC).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión